Fai non moito tempo atopeime cun
selo-moeda supostamente impreso para a súa utilización na contorna do concello
de Bueu. Ata aquela descoñecía este tipo de moeda pero decidín facerme con ela
foxe ou non verdadeira. Logo vería...
Mentres tanto preguntaba ao meus
amigos por si algún familiar, xa maior, tiña coñecemento destas moedas. As
respostas duns e outros eran negativas ata que de súpeto apareceu unha, e logo
outra, confirmando a utilización da mesma.
No primeiro caso era de “Chita” que
de rapaza vivía no barrio de Petís. Certo día súa nai Benita mandouna a mercar
a unha tenda coñecida por “A de Cristina” próxima á súa casa. Entregoulle para
pagar, un selo pegado a un cartón redondo. A nena non quería ir cun cartón
semellando cartos pois dicía que aquilo non servía e que se rirían dela. A súa
nai insistiulle que non tivera medo que si lle valerían. Como así foi.
Cando lle ensinei o cartón moeda polo
lado do selo iluminóuselle a cara ao lembrar algo que lle resultou coñecido.
Non así cando lle amosei o reverso, non lle dicía nada, pois non se lembraba de
como era.
O outro caso relatado por Consuelo ou
“Telo” (coa súa irmá Emilia tiñan a carnicería na rúa Eduardo Vincenti), a súa
neta Mari Carmen. Contáballe que cando ía a mercar gando para carne levaba os
cartos nun segundo peto que tiña debaixo do escote. E tamén levaba unhas
tesoiras para marcar o gando e de paso, “como era muller”, defenderse se fora
preciso. Ela dicía que houbo unha época que levaba unha chea de moedas de
cartón e billetes para os pagos...
Resumo do Selo-Moeda ou Cartón-moeda de uso provisional
Por mor da guerra o metal comezou a
escasear e o goberno da República fixo provisión de metais (cobre, níquel,
bronce, ouro, prata,...) tan necesarios para mercar ou utilizar no armamento.
Pronto a xente quedouse sen moeda pequena para as transaccións diarias e o
goberno tivo que recuar e acuñar nova moeda de valores fraccionarios pero esta
seguía a estar escasa. Algúns concellos, colectividades obreiras, organizacións
sindicais, etc. españois chegaron a emitir tamén moeda con valores por debaixo
dos 50 céntimos. Sobre todo, pero non só, nas zonas de influenza republicana
autorízase[1]
a circulación transitoria de timbres e selos adheridos a discos de cartón ata
que se puidera acuñar toda a moeda necesaria.
Ao final da guerra foi cando o
goberno de Franco ilegalizou as emisións de moedas republicanas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario