01/09/21

 Ata non hai moito tempo pouco se sabía dos últimos anos da mestra Matilde Bares Giráldez. Imos dar un pouco de luz, aínda que sexa intermitente, dende os actos da homenaxe do pobo de Bueu á insigne profesora ata o seu pasamento.

Ás 9:30 horas do 16 de marzo de 1932 celebrouse, no Salón Paraíso de Bueu, a Homenaxe a Dona Matilde Bares, cunha Función Benéfica a cargo da Compañía de teatro «Agrupación Madrid» con unha Orquestra, representación dun drama e dun xoguete cómico e exhibicións de baile de salón. O día 11 de novembro, día de S. Martiño, patrón de Bueu, descubriuse a placa da fachada principal da súa casa.

Sabemos que en 1933, xa octoxenaria, vivía na planta superior e decidira alugar o baixo da casa para o que puxo un anuncio, como moito curioso, pois alugaba un amplo baixo na rúa Matilde Bares e para informarse había que facelo coa súa propietaria, Matilde Bares.

   Nese mesmo ano, como remate dos actos de agasallo a Dona Matilde, e coincidindo coa onomástica da profesora (Sta. Matilde é o 14 de abril), acudiron á súa casa o gobernador, autoridades locais e provinciais así como ex-alumnos para entregarlle un álbum asinado por moitos destes. A sinatura do álbum levaba parella a aportación dunha cantidade, a vontade, de cartos.

A 11 de abril de 1935 asina en Cangas ante o notario Hipólito Hermida Ouviña a venda da casa ao médico Luís Pimentel Gil. Ela xa non vive en Bueu, uns dicían que marchara a Vigo, outros para “fóra” (sen aclarar), que estaba nunha residencia (tamén sen achegar ningún dato), etc.

Asilo do Camiño Novo-Santiago 1980

O que si podemos aportar agora é que en 1938 levaba un tempo na casa “Asilo das Irmás de anciáns desamparados” do Camiño Novo (actual Avda. Rosalía de Castro) de Santiago de Compostela e que faleceu nese establecemento asistencial ás catro da mañá do día 29 de xuño, a idade de 85 anos.

O seu cadáver recibiu posterior sepultura no Cemiterio Xeral compostelá (actual Parque-cemiterio de Bonaval).

Como bueuesa e muller relevante que foi, descansa preto do Panteón dos Galegos Ilustres. D.E.P.

 

 

Cemiterio de Bonavan no 1980