1/5/19


En xullo de 1933 o Gobernador Civil comunícalle ao alcalde de Bueu que ante unha instancia recibida da presidenta da Asociación Unión Rexional de Dereitas (URD) en Bueu, e feitas as oportunas investigacións, non consta no Libro-Rexistro de Sociedades unha con esa denominación polo que “considérase a dita Entidade como Non funcionando”.
O que si coñecía o gobernador era que estas agrupacións locais eran apéndices dun partido político URD (Unión Rexional de Dereitas ) fundado o ano anterior[1].
Sen haber constancia no concello da legalización ou entrega de estatutos con posterioridade a esa comunicación recíbese, meses despois, unha solicitude asinada pola presidenta da URD requirindo autorización para celebrar unha Xunta Xeral, o domingo 5 de novembro de 1933 que sería presidida por unha dirixente provincial da dita Asociación, a Sta. Carmen Blanco Linares[2], coa seguinte Orde do Día:
-Lectura del acta anterior.


-Lectura de contas. 
-Explicación da Lei electoral vixente.

Este último punto era de moito interese para coñecer o marco legal dos comicios Xerais que se ían celebrar o 19 dese mesmo mes[3] e na que as mulleres exercerían por vez primeira o seu dereito a voto.

Nota: Dentro desta liña quero lembrar outra entrada (31-5-2018) na que se fala do movemento asociativo de mulleres no noso concello en 1937 como as “Mulleres ao Servicio de España”. Para ir a esa entrada premer aquí.


[1] E que en 1933 pasaría a integrarse na CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas).
[2] Carmen Blanco Linares foi dirixente Provincial desa Asociación U. Rexional de Dereitas. Logo na Guerra Mundial pertenceu ao coñecido como “Grupo 250 de Sanidade” da División Azul.
[3] Primeira volta das segundas Eleccións Xerais da II República Española.