23/02/17

Ante acontecementos ocorridos non hai tanto tempo con respecto á utilización da censura no Entroido bueuense faime lembrar un máis, e espero que sexa o último, reflectido nunha Providencia da alcaldía. O caso que quero amosarlles data do Entroido de 1929. A ‘murga’ implicada era de Beluso e chamábanse “Las catacumbas del pueblo” na que en tres das súas letras (con músicas de pasodobre, valse e xota) parece ser que tiñan no punto de mira a unha familia do municipio á que, segundo criterio da alcaldía, “aluden dun modo claro e vexatorio”.
A raíz deste criterio decide o rexedor municipal sacar unha Providencia prohibindo o difusión de ditas letras, non así da cuarta letra, unha mazurca, para o cal se lles comina a que entreguen todas as letras impresas.  
Todo isto ponse en coñecemento do Gobernador Civil con data de 7 de febreiro de 1929.

 Outras entradas anteriores aparecidas neste blog co mesmo tema de prohibicións ou censuras polo Entroido en  Bueu:

O alcalde prohibe a letra e cartel dunha comparsa no Entroido de 1931

Bueu: Membros dunha comparsa detidos pola Garda Civil  no Entroido de 1933

(Se queres velas premer no texto de enlace)


 

14/02/17


Hai anos, recompilando artigos do xornalista Joaquín Pesqueira[1] atopeime un que me chamou moito a atención pois dábame claves para entender parte da súa biografía que en ningún libro atopaba. Tratábase do artigo “De como volví una vez a mi pazo pairal” publicado en Bós Aires na revista “Caras y Caretas” nº 1.340 do 7 de xuño de 1924, páxinas 33-34.
Interesante artigo tamén porque describe escenas de 1910, das xentes do Morrazo que acudiran a un día de feira en Pontevedra. Pon en boca do cura de Cela o contar das últimas novidades acontecidas na parroquia de Cela: a morte do Sr. Ramón o ferrador e de Manuel o serrador, que se perdera a colleita da froita de oso e diminuíra moito a do millo, etc. Tamén describe a paisaxe e a posta do sol por Ons.
Pero o que agora quero resaltar é a mención que fai de “Benito, tecelán de Cela, o ladino filósofo rústico, amigo de don Ramón del Valle Inclán, xa non tecía na súa vetusta tecedora, porque as mozas e as vellas tampouco fiaban o branco liño caseiro coas súas pulidas rocas de buxo”.



[1] Nado en Pontevedra e “neto do maiorazgo de Ardán”. Xornalista afamado. Corresponsal do xornal La nación entre outros.

04/02/17


Eran tempos que ocupaba a alcaldía Miguel Nogueira Fraguas (con 10 anos de dealcalde en catro mandatos)
Tomo como exemplo acordo nunha só sesión de Pleno do Concello, como a do 23 de outubro de 1899:
Acordouse satisfacer a Manuel Ferradás Agulla, “a cantidade de seis pesetas que reclamaba polos prexuízos que sufriu con motivo de haberlle embargado seu Bote e Tripulación para conducir á Illa de Ons, o vinte de xullo último, a unha parella da garda civil, en virtude da orde do Cabo Comandante, con cargo á caixa de Imprevistos”.   
 
Xa vedes todo un día sen pescar e aínda por riba remando, ida e volta, á illa de Ons por seis pesetas. Menos dunha peseta por cabeza! E tres meses máis tarde! O auxiliar da secretaría que recollera nas oficinas municipais a reclamación do armador do bote cobraba 6 pesetas cada tres días de traballo.  
Pagáronse 6 pesetas (e 50 céntimos) a Justo Troncoso por unha viaxe a Pontevedra a recoller unha documentación para o concello.
Exactamente 6 pesetas sesenta veces foi a inversión do concello para reparar a estrada vella de Gándara na parroquia de Cela.
 Vinte nove veces 6 pesetas, máis 1 pts, foron os gastos da comisión do concello de Bueu que se desprazara a Pontevedra para cumprimentar ao deputado en Cortes Eduardo Vincenti.
Dúas veces 6 pesetas, máis 1 pts., foi a cantidade que se pagou a Salvador Abelleira por dúas viaxes a Pontevedra como Comisionado para o ingreso dos mozos en Caixa (para a mili).
Como se mira montóns de seis pesetas, en Bueu, dan para moito...