14/04/18


A Garda civil de Bueu quere poñerse ‘legal’ ante a nova realidade política e colocar unha bandeira republicana na fachada do cuartel.
A menos dunha semana despois da instauración da República no ano 1931 o comandante de posto da Garda Civil de Bueu envía un oficio ao alcalde para que este lle facilite “unha bandeira lexítima Republicana” xa que mentres tanto fíxolle un apaño á monárquica que posuían. E o fai nos seguintes termos tal como transcribo:


Ao crearse este Posto foi dotado dunha bandeira monárquica costeada polo Concello desta Vila que na actualidade V. ten a honra de presidir, e como queira que á chegada da nacente República, carécese de bandeira nesta Casa-Cuartel, espero merecer da digna autoridade de V. se facilite a este Posto unha bandeira lexítima Republicana confeccionada con acordo ás disposicións vixentes, segundo me interesa a superioridade; significándolle que no comercio de Don Camilo Davila comprei no día de onte tres metros de xénero morado para arranxar a que na actualidade posuímos e podela izar por agora ata que se me facilite a que na presente lle intereso se así o acorda esa xunta municipal.
Deus que a V. m. a.
Bueu 19 de abril de 1931
O Comandante posto P.A
José García Villanueva


01/04/18



Corren tempos nos que os presos, as fugas, etc. están no día a día... E esa mesma insistencia da noticia nos medios de comunicación fixeron aflorar o documento que lles vou a presentar hoxe e que fala da primeira[1] de dúas fugas sonadas de presos do calabozo do concello de Bueu ocorrida no ano 1900.  
O oficio onde imos saber o que aconteceu ven da man do mesmo “carcereiro” cuxa explicación non sabemos se convenceu ao alcalde ou non, pois o relato parece, cando menos, un tanto novelado...
Mais véxano transcrito integramente:

Señor Alcalde municipal deste Concello de Bueu [2] ,
Matias J_xxxxx P_xxxxxx veciño desta vila e encargado por V. da custodia do que se di chamar Balbino S_xxxxxxx P_xxxxx detido no depósito municipal por vendedor de Pólvora, a V. maniféstolle: Que estando dentro de dito depósito con este individuo abalanzouse sobre min poñéndome unha navalla de afeitar ao pescozo ao que me intimidei e mentres tanto apoderouse da chave, franqueou a porta y fugouse.
O que participo a V. para o seu coñecemento e demais efectos por medio do presente que non asino por non saber. Verificándoo ao meu rogo os que subscriben en Bueu a nove de xuño de mil novecentos.
(asinan) Franco Rúa  e  José Bon

[1] Xa que, da segunda, de consecuencias funestas, ocorrida o 7 de decembro de 1936, pode lerse, cunha pequena biografía e acontecer de cada un dos fuxidos, na revista ‘Crónica da represión en Bueu’ de abril 2007, páx. 5-6, editada pola Asociación Amigos de Johán Carballeira.
[2] Miguel Nogueira Fráguas