15/06/20

(Continuación)
Aínda que radicalmente distinta na época, na temática e na cor, quero presentarvos outra quenda de cromos vinculados con Bueu. Se os anteriores estaban relacionados coa paisaxe, os de hoxe teñen en común o Deporte.
 Este primeiro ven do mundo da vela. Atópase en España Deportiva, álbum publicado en 1965 pola editorial catalá Crosal onde, como reza na portada, están “todos os campións de España”.
O cromo (6 x 7 cm) é o número 180 do apartado Vela. Nel poden verse na terraza do Náutico de Vigo a Fernando Massó e ao seu primo Tomás Massó, que se proclamaran, facía pouco, campións de Europa de Snipe co seu barco “Norte”.
Pero falar de deporte e de cromos en Bueu o que acapara a maior cantidade ao longo do tempo é Amador Lorenzo Lemos[1] consecuencia da súa traxectoria na elite do fútbol español.
Como poden observarse nas fotografías expostas moitas van ser as editoriais (FHER, Este, Lisel, Cano, Panini, El Periódico de Barcelona, etc.) que sacarán cromos da Liga nos anos en que militaba Amador como porteiro de equipos de primeira división, coma o Real Madrid, Hércules, Barcelona ou Real Murcia.


Outra colección interesantísima de cromos coa temática deportiva é o magnífico álbum Colección Oficial 2019-2020 que este ano sacou o ADFS BUEU (Agrupación Deportiva Fútbol Sala Bueu) no que aparecen os cromos dos compoñentes de todas as categorías pertencentes ao club.

Como último exemplo de cromos de Bueu o temos no Colexio A Pedra.  Trátase dun fermoso álbum que entregaron as profesoras, Cristina e María, ao seu alumnado con todas as fotografías deles e dos momentos de interese dos dous cursos da etapa infantil que agora rematan. 

Nota: De seguro que haberá máis cromos de Bueu xa sexan de Amador, doutras persoas, paisaxes, patrimonio, etc. pero non as posúo ou teño referencia. Por se hai suxestións, lembrar que este blog sempre está aberto para ser ampliado, cambiado, etc.


[1] Amador Lorenzo Lemos: A súa biografía, entrevistas, traxectoria, etc. pode verse na miña  web: https://descubrobueu.wixsite.com/bueu/amadorlorenzo  (ou de forma curta: http://xurl.es/amador1) ou no folleto “50 aniversario Club Deportivo Bueu” (tamén na web) http://bueu.esy.es/Folletos/DeportivoBueu/DeportivoBueu_20_Biografia_Amador.pdf (de forma curta https://xurl.es/amador2 ).


01/06/20

Cambiando radicalmente de tema presentarei, nesta e na próxima entrada, unha pequena
visión de Bueu e as súas xentes (1930-1999) ao través dos poucos Cromos que saíron naqueles álbums cos que nenos e maiores practicaban a arte da colección e do intercambio.
O primeiro cromo que presento é unha «Vista general» de Bueu que apareceu no álbum «Estampas de Galicia» que no 1935 editou o fotógrafo Luís Casado Fernández (Ksado).


Forma parte da colección de 407 fotografías de cor sepia, co número 9 da serie 14 que percorren os monumentos, paisaxes e etnografía galega.
As súas dimensións son bastante grandes, 9 x 12 cm se as comparamos coa media habitual nos cromos.     
Outros dous pequenos cromos (5 x 8 cm), cunha temática semellante, son os que pertencen á colección «Las Bellezas de Galicia», que apareceron nun segundo álbum editado, coa técnica do ocogravado, por Juan Gil Canella na década dos 40.
O primeiro, ten por título «Regreso de la pesca» e pertence á Serie 35 Marín-Bueu co nº 3. A calidade da imaxe non é boa pola técnica e polo tipo de papel e tinta utilizados.

O segundo é o nº 4 da Serie 47 Bueu e ten o título «Camino a la Playa de Beluso». O curioso desta foto é que foi quitada coa mesma paisaxe que outra, de finais de febreiro de 1926, que se lle atribúe á norteamericana Ruth Mathilda Anderson (aínda que pode que sexa unha das 2800 que mercou a fotógrafos galegos).

(continuará)