01/06/20

BUEU - Cromos I

Cambiando radicalmente de tema presentarei, nesta e na próxima entrada, unha pequena
visión de Bueu e as súas xentes (1930-1999) ao través dos poucos Cromos que saíron naqueles álbums cos que nenos e maiores practicaban a arte da colección e do intercambio.
O primeiro cromo que presento é unha «Vista general» de Bueu que apareceu no álbum «Estampas de Galicia» que no 1935 editou o fotógrafo Luís Casado Fernández (Ksado).


Forma parte da colección de 407 fotografías de cor sepia, co número 9 da serie 14 que percorren os monumentos, paisaxes e etnografía galega.
As súas dimensións son bastante grandes, 9 x 12 cm se as comparamos coa media habitual nos cromos.     
Outros dous pequenos cromos (5 x 8 cm), cunha temática semellante, son os que pertencen á colección «Las Bellezas de Galicia», que apareceron nun segundo álbum editado, coa técnica do ocogravado, por Juan Gil Canella na década dos 40.
O primeiro, ten por título «Regreso de la pesca» e pertence á Serie 35 Marín-Bueu co nº 3. A calidade da imaxe non é boa pola técnica e polo tipo de papel e tinta utilizados.

O segundo é o nº 4 da Serie 47 Bueu e ten o título «Camino a la Playa de Beluso». O curioso desta foto é que foi quitada coa mesma paisaxe que outra, de finais de febreiro de 1926, que se lle atribúe á norteamericana Ruth Mathilda Anderson (aínda que pode que sexa unha das 2800 que mercou a fotógrafos galegos).

(continuará)

Ningún comentario: