01/01/19

A Roiba é Inglesa e custodiada pola Garda Civil

A Praia da Roiba deulle dende principios do século XIX nome ao almacén de salga que está ao seu carón.
Sería Pedro Pastoriza, un dos primeiros salgadoiros locais, o que iniciou a súa construción coa oposición dos veciños do “Partido Xurisdicional de Cangas e do Coto de Bon e Villar”. Tras pasar ao longo do tempo por múltiples mans: Antonio Pérez, Heraclio Méndez, Manuel González Plá, Joaquín Francisco Graña Rodal e Darío Lameiro Sarachaga... e no ano 1936 a que tamén se convertera nunha fábrica de conservas está pechada e é propiedade dun Banco de nacionalidade británica con sede en Londres: The Anglo South American Bank Ltd[1].
 Ata aquí o relato sería normal. Mais o que nos interesa agora é poñer o foco nestas datas de 1936: Tralas eleccións xerais, en febreiro dese ano, gaña a coalición de esquerdas coñecida como Fronte Popular o que motivou unha forte reacción da dereita española. O que propiciou que durante uns meses o ambiente político en España se tensara de tal xeito que serviu de escusa para actos vandálicos de todo tipo. É, neste estado de cousas, cando o gobernador civil[2] manda con data 25 de xuño unha circular a todos os alcaldes, para que se dispoña “que a forza da Garda Civil, preste servicio de vixilancia e custodia caso necesario ás propiedades e edificios de súbditos e entidades de nacionalidade británicas” por ser os desta nacionalidade os que estaban máis no punto de mira dos ‘alborotadores’.
E así é como a Garda Civil vixía durante un curto espazo de tempo a fábrica pechada da Roiba...
Con motivo da necesidade de desprenderse de inmobles, a entidade bancaria inglesa vende A Roiba á sociedade Massó Hermanos que posteriormente, no ano 1948, a vende a Manuel Abalo empresario que tras desenrolar actividades, en sociedade coa familia Carballal, de tratamento de peixe, transformaría o almacén nunha cetaria...



[1] Partindo de todo unha serie de fusións bancarias en Sudamérica, fundamentalmente con capital inglés, dende 1888  fai que xurda a partires de 1907 co nome Banco Anglo Sudamericano. Logo dunha grande expansión comeza nesas mesmas datas de 1936 cunha grande caída polo que foi absorbido sobre todo polo Bank of London and South America.
[2] Gonzalo Acosta Pan, do Partido Republicano Radical-Socialista. Estivo de Gobernador Civil e Pontevedra (anos antes tameno fora de Biscaia) dende o 26 de febreiro de 1936 ata a sublevación das tropas de Franco (18 de xullo) que foi apresado e posteriormente fusilado na Caeira o 8 de setembro.


Ningún comentario: