Se nos achegamos á sesión
plenaria do 21 de febreiro de 1924 que «A proposta da presidencia e en atención ao
citado deterioro no que están os once farois do antigo alumeado por acetileno
propiedade deste Concello, que están depositados na Consistorial, a Corporación
acorda proceder á súa adxudicación mediante concurso...»
Anunciado oportunamente
durante un período de quince días só se recibe no Concello unha solicitude para
facerse cos farois, e non por todos senón por catro. A petición ven dende a
Illa de Ons, da man de Didio Riobó Bustelo, xestor e fillo do dono da mesma.
Didio oferta pagar por cada un dos farois 4 pesetas.
O 20 de marzo de 1924 o
alcalde Jesús Prieto tramita, á proposta da Corporación, o expediente de
adxudicación de «farois deteriorados» ao único que participou na poxa, Dídio
Riobó Bustelo.
E así é como os farois
foron a parar á casa-almacén que a familia Riobó posuía na súa illa, Ons.
Pero se seguimos o rastro
deses farois retrocedendo no tempo chegaríamos a xaneiro do ano 1906 en que no segundo
pleno[1] despois de tomar posesión
da alcaldía de Bueu, Laureano Piñeiro Domínguez[2] expón a petición dos
veciños do Príncipe (actual rúa Eduardo Vincenti) para que se poñan uns farois
na súa rúa e o fixeron nos seguintes termos: «... interesando da Corporación que
tendo en conta a necesidade que se sinte duns farois na dita rúa e a precaria
situación do erario público municipal, se instale por conta dos fondos seis
farois cos seus depósitos para producir gas acetileno[3]
ofrecéndose os reclamantes a soster o alumeado durante o ano actual...».
Farola na Praia de Beluso |
Na sesión plenaria do 20
de xaneiro dáse conta, na mesma liña, de dúas instancias de veciños da praia de
Beluso e da Ribeira (actual Montero Ríos) que desexan farois como os da rúa do Príncipe.
O Concello encarga á
mesma comisión que tiña que resolver a necesidade dos puntos de luz no Príncipe,
incorporando ao salgadoiro Clemente Lago, o faga tamén para Beluso e na
Ribeira.
Aínda que na sesión
ordinaria do 4 de febreiro de 1906 a Corporación informouse dunha comunicación
do Gobernador Civil de que non procedía a concesión de transferencia de crédito
para os seis farois que o concello pensaba mercar para a rúa do Príncipe, non
será ata o día 12 dese mesmo mes cando se trate do ditame da comisión encargada
sobre os farois incluíndo os 5 a poñer na Banda do Río, Ribeira e Praia de
Figueirón. O «Concello resolveu que se adquiriran os nove farois de que se trata con
todos os seus accesorios e se coloquen nos lugares designados satisfacéndose
todos os gastos que con tal motivo se orixinen con cargo ao capíto de
Inconvenientes; en cuxo acordo non conveu o 1º Tenente D. Tomás García por non
haber cantidade sinalada para este fin no presuposto e necesitarase para outros
Inconvenientes».
Como pode comprobarse
que non foron 5, nin 6 nin 9 os farois que tiveron algunhas rúas e lugares de Bueu,
senón 11.
Ningún comentario:
Publicar un comentario