Como xa ven
sendo habitual nestas Entradas, do bloque Epidemia, máis que centrarme na
enfermidade en si o que pretendo é lembrar algún feito arredor desta, pero na
contorna de Bueu.
Máis antes, unhas pinceladas sobre esta afección:
A Varíola a define a
RAG na súa acepción médica, como unha “enfermidade infecciosa e contaxiosa, de natureza
vírica, que produce febre alta e a aparición de pústulas con bostelas que ao
caeren adoitan deixar marcas na pel”.
A varíola pode considerarse como unha
das enfermidades máis antigas e mortais xa que, na súa longa historia, atribúenselle
varios centos de millóns de mortos. Hai constancia de períodos nos que aparecía
como verdadeira pandemia, como no s. XVIII, sobre todo en Europa e América, e
que chegaba a afectar a un número importante da poboación. Será neste século cando
aparece a primeira vacina variolosa (Edward Jenner,
1796) que marcaría o comezo para a erradicación desta enfermidade.
No Bueu do ano 1898 cando algunha
persoa era diagnosticada de varíola acendíanse todas as alarmas e, nada máis
recibir a notificación do médico, o Sr. Alcalde emitía unha Orde de
confinamento e illamento do enfermo. Os encargados de executar a Orde eran os
Alcaldes de Barrio (figura moi importante nos lugares ata finais do século XX).
A casa do enfermo era custodiada por
conveciños para evitar que ninguén máis se puidera contaxiar. Proba disto a
temos na documentación adxunta, na que estando enfermo un home de O Valado,
tiñan que facer garda, obrigatoria e de forma rotativa, os veciños de A
Portela, de Meiro e de O Valado. Normalmente a facían de dous en dous e por un
tempo de 4 horas.
No caso que me sirve de referencia,
deuse a circunstancia de que un dos que lle tocaba o relevo non apareceu a
facer este, e os da garda anterior tiveron que dobrar a mesma polo que lle reclamaron
ao alcalde ser indemnizados. A desculpa que puxo o infractor foi que “con motivo de ter que gañar a vida foise á pesca crendo
vir a tempo para cumprir coa expresada garda pero debido a certas
circunstancias no lle foi posible cumprir coa orde que se lle dera, pero que
está disposto a abonar á persoa que serviu no seu nome...”
En canto a vacinación da poboación,
dúas referencias. A primeira un oficio do Gobernador Civil ao alcalde de Bueu (1928)
para lembrarlle a “vacinación obrigatoria para o
cal facilitaráselles gratuitamente cantas vacinas antivariólicas necesiten, ben
entendido que exixirei estreitas responsabilidades ás autoridades no caso lamentable
de que aparecera algún brote epidémico de varíola...”.
No que respecta ao número de vacinas antivariólicas
que se adoitaban poñer en Bueu temos o dato de xaneiro de 1936 no que o Médico de
Asistencia Pública Domiciliaria, Ignacio Lis Lombos, informa á alcaldía que
puxo durante o ano anterior 211 vacinas (todos os días, de 10 a 13 h, no seu
despacho e os días fixados previamente nos locais das escolas).
Ningún comentario:
Publicar un comentario