04/05/20

A Tuberculose en Bueu - 1ª metade s.XX Epidemia VII

Xa imos comezar coa ‘desescalada’ deste longo confinamento a causa da pandemia do COVID-19. Isto dáme pé para, usando termos do momento, “desescalar en dúas fases” e así poñer remate, cando menos por agora, ás Entradas do blog dedicadas a enfermidades epidémicas ou  endémicas en Bueu.
Esta primeira a faremos coa Tuberculose, tamén coñecida de antigo coma ‘tises’. É unha enfermidade bacteriana (Mycobacterium tuberculosis ou bacilo de Koch) que ataca na maioría dos casos aos pulmóns pero pode facelo destruíndo ou deformando as células doutros órganos coma intestino, riles, osos, etc.   
A incidencia xeral desta enfermidade no Bueu da primeira metade do século XX foi relativamente pequena, xa que causou un 7,5% das mortes. Se cuantitativamente era pouco relevante o impacto social foi moi alto, dado o grao de contaxio e o medo que esta enfermidade provocaba.
Non era de estrañar que se demandasen publicamente medidas para a prevencións de contaxios desta enfermidade como a da revista inglesa ‘Hospital’ (1903)[1] que propuña tres: Obriga do médico de informar dos casos detectados, illamento dos enfermos avanzados e “facer comprender ao público en xeral, a idea de que dito mal é infeccioso”. Ideas que calaron nas autoridades da época ata tal punto que vemos no Boletín Oficial, Gaceta de Galicia (6-10-1903), como se lle daba un prazo de 15 días para que as Xuntas Locais de 1ª Ensinanza mercasen carteis contra a tuberculose para repartir polas escolas.
En canto á incidencia máis forte da tuberculose no concello de Bueu, no período estudado, a temos no inicio do segundo terzo que pode chegar ata o 12% do total de enfermidades.  Serán os anos 1916/1922 os picos da curva que podemos ver na gráfica[2].
En canto aos tipos de tuberculose, para o caso de Bueu habería que considerar como media un 76,3% para a chamada Tuberculose pulmonar, un 18% para T. intestinal, un 2,6% para T. larínxea e un 3,1% para outras, ou non especificadas.
Para o tratamento destes enfermos no 1º decenio do s. XX iniciáronse adaptacións ou novas construcións de centros en lugares onde tiveran características especiais de salubridade como a pureza do aire, a facilidade de tomar o sol, o aire/auga do mar, etc. Na nosa contorna tiñamos o Sanatorio Marítimo de A Lanzada onde o tratamento principal era o heliomarino (sol e mar). A moitos dos pacientes que non tiñan recursos económicos se lles facilitaba o acceso a estas terapias coas axudas, principalmente da Deputación a proposta dos concellos nos que estes residían. O filtro de entrada para recibir tratamento heliomarino era dado polo Director do centro aducindo criterios médicos. Exemplo disto no que se vira involucrada unha persoa de Bueu o temos reflectido na Acta da sesión do 22 de xaneiro de 1943 onde constátase o acordo do ente provincial co Director do centro da Lanzada polo que este acepta a 6 enfermos e denega a outros tres, entre os que estaba a bueuesa María Mxxxxx Gxxxxx, por padecer, curiosamente, “un proceso  tuberculoso de pulmón[3].  
 Aínda que foi no 1944 cando Waksman descubriu o antibiótico coñecido como estreptomicina, primeiro gran aliado para axudar a combater a terrible enfermidade, non sería ata o 1951 cando se empezara a utilizar en España e polo tanto a baixar o número de falecidos a números pouco significativos.
Co paso do tempo xeralizáronse na poboación probas de sangue ou, a máis común, “probas cutáneas da tuberculina ou Mantoux” que deron tamén un grande golpe á Tuberculose ao ser un marcador moi útil para detectar previamente se se está infectado da mesma (de forma latente ou padecéndoa) ou que sexa probable que non o estea. Está proba realizábase en moitos centros de traballo (grandes empresas) e nos centros de Ensino. En Bueu realizouse por última vez a finais dos anos noventa do século pasado.
Queda no recordo dos nosos maiores o medo “do pulmón”, expresión que facía referencia á Tuberculose pulmonar, e ao seu contaxio que ao igual que outras epidemias na casa que entraba, segaba moitas vidas. Tamén se lembran que os nenos sans eran separados dos seus familiares enfermos e de que as vivendas eran desinfectadas tralo parte do médico comunicando a defunción á alcaldía. Disto temos constancia, no soamente nos casos de Tuberculose, senón tamén por outras enfermidades infecciosas como o coqueluche, xarampón, ... Como exemplo para Bueu, o oficio que o Xefe de Inspección de Sanidade Provincial, 25 de xuño de 1928, manda ao concello indicándolles a remesa polo coche de liña dun caixón con desinfectantes e o fai co compromiso de se se necesitasen máis o expediría o máis axiña posible.


[1] Publicado polo xornal lugués La idea moderna o 19 de maio de 1898.
[2] A metodoloxía empregada foi elixir ao chou un ano, saíu o 1904, e un número do 1 ao 10, saíu o 6.  O que fixen foi partindo do ano 1904 ir anotando o número de falecidos por esta enfermidade. Repetindo este procedemento en cada un dos anos, de seis en seis, e a un universo que abarca a totalidade dos 1.309 falecidos neses anos.
[3] Recollían aos que tiñan posibilidade de curación polo que se a fase do padecemento da enfermidade era avanzado se rexeitaba ao paciente.

Ningún comentario: