06/04/20

A “Gripe Española” en Bueu -1918 - Epidemia III


Nota: Manteño a documentación tal e como está censurada. Engado un enlace para que poidan verse ás imaxe e o artigo en Faro de Vigo: 

A triste realidade que coa que o COVID-19 golpea a nosa sociedade nestes días faime volver a mirada atrás a aquela outra grande pandemia, ocorrida entre 1918-1920, que se levou por diante varias decenas de millóns de persoas en todo o mundo. Foi a mal chamada “Gripe española”, precisamente por ser este país o que lle puxo cara á enfermidade xa que a orixe ou os primeiros casos estiveron, probablemente, en Kansas (Estados Unidos).
 En canto á incidencia da mesma na nosa provincia serviranos de referencia unha nota aparecida en El Díario de Pontevedra do 5 de outubro de 1918 titulada “La salud pública en Galicia” onde daba o dato dos vinte tres concellos que xa a padecían, entre eles Bueu, e dá recomendacións e ordes das que recollo algunhas para comparar coa nosa situación actual co COVID-19.
-          Como por esas datas na capital aínda había poucos casos de gripe e estes eran benignos aconsellaban: “... Non hai, por tanto, que alarmarse; ao contrario, non debe terse medo porque este ao deprimir o ánimo predispón a adquirir a enfermidade. Procuremos todos combater a epidemia desinfectando coidadosamente as casas, executar unha limpeza persoal exaxerada, e desta forma verémonos seguramente libres do mal que noutros pobos tantas vítimas produce.
-          Non había confinamento pero...: “Tamén oficiou o Sr. Vieira (alcalde) aos propietarios de cafés, cines e teatros, aos curas párrocos e presidentes de sociedades de recreo para que o barrido se faga con serraduras humedecidas cunha disolución antiséptica.
-          E isto parece que nos sona de algo hoxe: “... e aínda cando a maioría dos casos son de carácter benigno os que adquiren bronconeumónico son de funestas consecuencias.

-          O señor Gobernador civil recordou ás Alcaldías o contido do artigo 155 da Instrución xeneral de Sanidade que lles faculta para dispoñer dos servizos de cantos exerzan profesións sanitarias, en casos de epidemias...
E cando máis forte atacaba a enfermidade o gobernador enviou a todas as Alcaldías o seguinte telegrama: “Reitero a miña orde de absoluta prohibición de acompañamentos fúnebres civís nos enterros epidémicos quedando cominada esa Alcaldía coa multa de 500 pesetas conforme artigo 204 Instrución Sanidade sen prexuízo de máis correctivos a que se refire, se non os impedise aplicando artigo 3º lei 15 de xuño de 1880 e notificando desde logo aos directores periódicos se absteñan de inserir en notas mortuorias a invitación acompañamentos que son reunións públicas non autorizadas por motivos de defensa sanitaria.

Se nos cinguimos a Bueu, observaremos que ao longo dos oito primeiros meses do ano danse episodios de gripe común cun número baixo de contaxios, aínda que a consecuencia desta morren catro persoas: unha muller de 57 anos a primeiros de marzo na Cividade, un meniño de só un ano de idade en xuño en Beluso, outra de 80 anos en Bueu en xullo e unha de 76 anos no Viso-Cela en agosto.
Chegada a segunda metade de setembro, sobre todo na parroquia de Beluso en lugares como Bon, Montemogos ou A Rosa, aparece un brote infeccioso da “gripe española” moi relevante que afecta a un cento de persoas das que nos primeiros días de outubro contabilízanse cinco falecementos.
Será a partires do 3 de outubro cando a enfermidade comeza a segar vidas de xeito cruel con certificados médicos como ‘pneumonía gripal’, ‘bronco-pneumonía gripal’, ‘gripe e tuberculose’, ‘febres gripais’ etc. morrendo a diario un, dúas, tres, catro ou cinco persoas de tódalas franxas de idade, pero principalmente mozos (a media de idade é de 27,1 anos). Soamente nove persoas superaban os 50 anos e 16 eran menores de 10 anos.
Como podemos ver nas gráficas os picos máis grandes déronse no último domingo de outubro e o primeiro de novembro. É o punto de inflexión desta enfermidade, xa que a partires de aquí comeza a remitir o número de mortes ata desaparecer totalmente o domingo 8 de decembro, polo que é a data na que se pode dar por superada esta gripe no concello de Bueu.

Se vemos o gráfico de anos inmediatamente anteriores e posteriores e comparamos o total de mortes vemos que o 1918 supera con moito a mortaldade. O saldo total de mortes certificadas pola gripe en Bueu foi de 78 persoas: 40 en Bueu, 18 en Cela, 15 en Beluso e 5 na Illa de Ons. Aínda que en realidade quizais foran bastantes máis, pois houbo outras 62 mortes relacionadas con pneumonías e outros problemas pulmonares (Case todas as mortes certificadas de gripe eran por “pneumonía gripal”).
Entre o persoal médico que atendía aos pacientes na vila, estaba en Cela o Dr. José García Santaclara, tamén natural do lugar de A Torre-Cela. Tras case un mes de atención a un grande número de casos de gripe, acabou contaxiándose e falecendo a consecuencia dos efectos máis severos desta enfermidade.  Ademáis de médico exerceu como xuíz municipal ata o 9 de outubro de 1918. Sendo relevado por Tomás Bolíbar Massó o 11 de outubro. Poucos días despois García Santaclara finou por mor desta doenza.
Co medo a quedar desamparados de todo coidado ante a epidemia, moitos veciños desta parroquia asinaron un documento solicitándolle ao alcalde, tamén de Cela, José García Parada, para lle adxudicase a praza vacante ao médico de Bueu Ignacio Lis Lombos.
Tamén hai que dicir que os gastos desta epidemia, para as pobres arcas municipais, foron cuantiosas, sobre todo na adquisición e emprego de desinfectantes, así como a necesidade de facerse o concello con padiolas para o transporte dos cadáveres ao cemiterio.

Así como estes días miramos que había en Madrid, e noutras localidades, problemas para a cremación da inxente cantidade de cadáveres, en Bueu tamén houbo dificultades de espazo no cemiterio polo que tiveron que habilitar para enterramento os camiños do paseo central, os dous da parte superior, etc. que levou a queixarse aos propietarios que tiñan dominio de nichos por non ser respectados seus dereitos. Dende estas datas formuláronse reiteradamente alternativas dun novo e máis amplo cemiterio que se nun principio ía ser na Chadiza, co paso do tempo rematou sendo realidade no actual de Castiñeiras.  Aínda houbo que esperar 46 anos, ata 1964.
 En calquera epidemia ou simple enfermidade hai dous heroes que se complementan, o que a sufre e loita con ela e o profesional sanitario que lle axuda na batalla. Aquí xa nomeamos a dous dos médicos, o de Cela, ‘caído en combate’, e o de Bueu. Faltaba por citar ao de Beluso, o Dr. Rogelio Val Barros, ao que dous anos despois se lle recoñeceron os “abnegados e humanitarios servizos prestados con motivo da epidemia gripal” coa cruz de 1ª clase de Beneficencia con distintivo morado. Hai que ter en conta que o núcleo duro da pandemia de “Gripe española” focalízase no tempo entre 1918-1920.
Para rematar este pequeno apunte sobre a Gripe en Bueu, dicir que o medo á mesma perdurou moitos anos na poboación e púñase de manifesto en solicitar aclaracións na prensa, concellos, etc.
Así nos atopamos que o 19 de marzo de 1927 aparece una nota de Bueu en El Pueblo Gallego na que se dá conta dun comunicado do Dr. Ignacio Lis Lombos na que di:”… que é unha lamentable fantasía o cualificar de epidemia gripal o que soamente se reduce a algún arrefriado ocasionado polos cambios bruscos do tempo que estamos padecendo, sen que de ningunha maneira poida dárselles o nome de epidemia gripal, e que seus compañeiros de profesión nada lle comunicaron tampouco sobre asistencia a casos de gripe estes últimos días”.

O que agora estamos a padecer é serio, polo que desexo que esta mirada ao pasado nos axude a vela saída. 
Unha vez máis, no espello da historia miramos que si nos xogamos a vida. Polo que temos que seguir a ser responsables!
Xa queda menos para saír deste pesadelo!
Ánimo!

Ningún comentario: