08/08/21

Mancomunidade do Morrazo-1904

 Puidera pensarse, de forma xeneralizada, que nos tempos pasados carecían de moitas cousas que agora posuímos. Certo é, pero menos do que se supón. Basta dar un paseo polas hemerotecas para comprobar que as noticias, anuncios e inquedanzas seméllanse máis do esperado cos tempos que nos tocou vivir.

Unha desas noticias que pensaba cousa desta época é a Mancomunidade de municipios. Como era fácil supoñer, estaba equivocado. Como era fácil supoñer, estaba equivocado. Cal sería a miña sorpresa estudando á familia Riobó, donos de Ons, atoparme na Acta da sesión ordinaria do 2 de setembro de 1904 que reunidos os concelleiros relacionados ao marxe (entre eles Manuel Riobó) baixo a presidencia do alcalde José Rodríguez Estévez este fixo presente:

que en virtude de invitación do de Moaña, concorreu á este punto onte domingo e reunidos co de Cangas e adhesión do de Marín deliberaron asociarse en nome dos seus respectivos municipios para todos os fins que redunden en ben xeral da colectividade das citadas entidades e que ao efecto empregarán mancomunadamente todos os medios de que poidan dispor para solicitar dos poderes públicos todo aquilo que máis necesite cada termo municipal; quedando en ir unha comisión de cada concello para o sábado próximo ao obxecto de presentarse ao noso Digno Deputado Dn, Eduardo Vincenti e relatarlle o convido…”

Logo nomeouse unha comisión, que representaría ao concello de Bueu, formada por Manuel Riobó, Daniel García Lis e Heriberto García Martínez.

Actualmente a Mancomunidade do Morrazo, así se chama, a forman os municipios de Bueu, Moaña e Cangas, xa que Marín está asociado só para algunhas cousas.

A finalidade hoxe e onte coinciden no obxectivo de xestión comunitaria de certos servizos. Hoxe centrados nalgúns como a xestión de residuos (Planta da Portela), Parque de Bombeiros de Castiñeiras (este forma parte do Consorcio Provincial),  etc.

Ningún comentario: