19/03/18

Non todo son corruptelas...


O panorama político e o económico percíbense cada vez con máis sombras que luces. E para darnos unha pequena alegría, esquecéndose do pesimismo social imperante, de cando en vez, moi de cando en vez, hai que pararse a mirar pola xanela da honradez. Esta, segundo borboriña o vento, existiu. E ata hai ecos anónimos, por vergoña, que din que existe.
Para mostra un botón:
Remontémonos á primavera do ano 1932 e parémonos nas ordes que o Axudante de Mariña
lle dá aos amanuenses da mesma en canto á prohibición de aceptar calquera regalo que se trouxera a dita Comandancia, ... podendo ser sancionados, segundo a lei, o donante e receptor do mesmo...
Pois dunha infracción a esta prohibición quedou documentada cando o Sr. Axudante de Mariña da Capitanía do porto de Bueu, D. Gonzalo Torrente Piñón[1], enviou un oficio ao alcalde acompañado duns “corbelos”, manifestando que unha muller intentara regalarllos.  Pero mellor é que lles transcriba o oficio dirixido ao alcalde de Bueu:
“Por se se digna dispoñer a súa entrega a unha familia pobre desta localidade que V. teña a ben designar, teño o gusto de remitirlle o peixe que se acompaña, dos denominados “corbelos”; o cal foi entregado nesta Axudantía en concepto de obsequio para a Autoridade que subscribe, por unha muller que fuxiu ao serlle rexeitado en cumprimento ás miñas instrucións; sen prexuízo da sanción que de acordo coas leis vixentes haxa de impoñerlle cando pescude quen é a muller de que se trata.
Bueu 27 de maio de 1932.
(Selo e sinatura)  Gonzalo Torrente”

Nota: Ao dorso do documento atopámonos cunha nota manuscrita co nome da persoa á quen lle foi entregado o peixe. Era do lugar do Norte.


[1] Pai do escritor Gonzalo Torrente Ballester. Estivo na Axudantía Militar de Marina do 1935 ata 1952. No xullo de 1936 foi o militar encargado de facerse cargo do concello, depoñendo ao alcalde José Gómez de la Cueva (Carballeira)..

Ningún comentario: