A pesar da alta temperatura na
que está hoxe en día a política en España co tema catalán, e sen a máis mínima
intención de interferir con ningún tipo de discurso, vou plasmar nesta entrada
un telegrama que hai moito tempo había fotocopiado e que a casualidade fixo que
me volvera a tropezar con el e cunha pequena nota que lle axuntara. Polo que
paso a transcribilos pois penso que pode ser unha información interesante ou,
cando menos, curiosa:
O 15 de abril de 1931, día
seguinte da proclamación da Segunda República Española, os gobernadores civís
tiveron moito traballo en comunicar ao través do telégrafo esta nova a todas as
alcaldías[1]. Á
súa vez entre as noticias corrían rumores de todas cores e intencións acordes
coas alporizadas loitas políticas e ideolóxicas que na España se estaban a
vivir por esas datas.
Unha destas azueiras ou rumores
que o Ministro da Gobernación, ao través dos gobernadores provinciais, quería desmentir
era o da suposta constitución da “República de Cataluña”. E o fixo ese día que
nos estamos a referir, o mércores 15 de abril de 1931, nos seguintes termos
como reza no telegrama recibido polo alcalde en funcións de Bueu, Ramón
Domínguez Ferradás:
“Para a súa satisfacción e do público xeral transmito a V. o seguinte
telegrama recibido do Ministro Gobernación e que debe V. facer público en canto
o reciba.
Son
absolutamente falsos rumores que se espallaron acerca proclamación República
Cataluña con sentimento hostilidade, nin sequera de morneza para o resto das rexións
e a totalidade do Estado, polo contrario, o presidente goberno república celebrou
co Sr. Macía e personaxes significados de igual tendencia cordialísimas e
efusivas e conmovedoras conferencias nas que valorou ao par que unha mutua
confianza para satisfacción das aspiracións de Cataluña e Grandeza España os máis
nobres e elevados sentimentos. Segundo comunicaron as mesmas persoas proclamárase a República [Española] entre o entusiasmo
do pobo que daba as súas vivas frenéticas á nova forma Estado, a Cataluña e a
España.”
Ningún comentario:
Publicar un comentario