01/09/18

Conflito entre capeláns de Beluso

 Antes de entrar en materia póñovos brevemente as orixes dunha capelanía, a de Santo Domingo
da igrexa de Beluso. Fundada polo natural de Cela, D. Domingo Piñeiro Blanco, presbítero tamén de Beluso o 16-10-1729 ante o escribán Tomás de la Rúa e Freire e consistía nunha capelanía titular e de padroado lego constituída baixo a advocación de Stº Domingo (no lateral de Ánimas ao lado dereita do Evanxeo) que tiña unha misa rezada perpetua ao alba tódolos domingos e festivos, dotándoa con bens suficientes para a sustentación do capeláns e ata para que estes puidesen ser ordenados sacerdotes (os que non o fosen)... e preferentemente ocupada, a proposta dos patróns “por seren Parentes do propio fundador”.
 Así chegamos ao 29-5-1788 en que a ‘Patroa’ nese momento, Gertrudis Pastoriza nomea, ante o escribán de Sta Cristina de Cobres, Antonio Jacinto de Arsaujo, a José Sebastián Fernández Regueiro, presbítero e veciño de Beluso como capelán levador dos bens e rendas da obra pía que baixo a advocación de Sto. Domingo fundara Domingo Piñeiro.
Ata aquí todo sería normal se non aparecera en escena o recen nomeado Tenente cura de Beluso, Benito Riobó, que reclama a capelanía ao considerar que lle correspondía legalmente por ser neto dun parente do fundador.
Ante as reticencias por parte do capelán José Sebastián, pois este xa levaba unha ducia de anos exercendo como tal, fan que en maio de 1800 Benito Riobó, dea o paso de querelarse para reclamar a capelanía. Para o cal da un Poder, ante o escribán Pascual de Juncal, a un procurador de A Coruña chamado Andrés López Couto  para que litigue no seu nome contra Joseph Sebastián Fernández Regueiro.
O argumento máis válido na querela era que Benito Riobó xustificaba a súa ascendencia como neto de Domingo Piñeiro de Castiñáns, veciño de Cela e nomeado como parente polo fundador da capelanía, razón máis que de peso polo que se consideraba seu lexitimo herdeiro:

Ante esta actitude firme, belixerante e, sobre todo, fundada, o demandado José Sebastián decide facer cesión da capelanía a Benito Riobó evitando así a contenda xudicial. Faino catro meses despois da demanda, o 5-9-1800, ante o mesmo escriban Pascual de Juncal poñendo fin de forma civilizada a unha disputa interna de curas dunha mesma parroquia por intereses nunha capela.


Arquivo H. Provincial de Pontevedra. Escrib. Pascual de Juncal
Data: 15-5-1800   Ca-1461(2) Fol.18  
Arquivo H. Provincial de Pontevedra. Escrib. Pascual de Juncal
Data: 5-9-1800   Ca-1461(2) Fol. 21

Ningún comentario: