Agora que se está a dar por rematada a campaña de verán é o
momento de facer balance ou pararse uns intres a reflexionar e ata de botar unha
ollada atrás para comparar sobre o fenómeno turístico.
O que para uns foi boa ou excelente tempada, para outros “un desacougo
pola xente”.
Non serei eu o que poña tachas a estas cavilacións xa sexan
positivas ou negativas. O que quero é
amosar esa outra mirada no tempo na que aparecen as reiteradas gabanzas de Bueu
como lugar que quere proxectar o seu potencial de engaiolar aos posibles
visitantes para que non só tendan
pontes na economía local senón que a enriquezan
culturalmente facilitando o progreso en todas as direccións.La Correspondencia Gallega_diario de Pontevedra - 29 agosto 1906 páx. 1 |
“Isto das
subsistencias lévame da man ao que puidera ser Bueu se non se procurasen
comodidades aos forasteiros facilitando os medios de subsistencia: porque Bueu,
que é verdadeiramente fermoso, con porto limpo, seguro e extenso, en exuberante
e rica chaira, de atractiva paisaxe, de ceo azul en despexado e amplísimo
horizonte, clima benigno, con praia de máis dun quilómetro, nunha cuncha pechada
por unha cinta de bonitas edificacións, formando un lindo pobo cheo de establecementos
industriais e mercantís, cuxa riqueza, si está coñecida non vai ben canleada;
non ten Bueu vivendas para forasteiros, nin alicientes para os bañistas, nin sequera
praza ou mercado diario […]”
E logo da a súa particular visión de quen son aqueles que nos
visitan e ata fai unha relación dos que considera máis relevantes:
“...os forasteiros veñen
aquí atraídos nada máis que por relacións de familia, ou por outras causas de
amizade ou interese, que os achegue a estas praias onde están veraneando, o
acreditado e coñecidísimo enxeñeiro industrial, intelixente director da notable
revista “Artes-Industrias”; de Barcelona D. Gerónimo Bolívar, coa súa dona e fillos,
que veu a esta praia ao lado dos seus irmáns; o ilustrado catedrático do
instituto de Reus, literato e publicista Sr. Saiz Armesto, coa súa dona, sogra
e fillos, que teñen aquí a súa casa de nobreza antiga dos Aldaos; a familia do
señor Romero, escritor e xornalista filipino, que veu a renovar as relacións de
amizade que de antigo lle unen co reputado Doctor Riobó, fillo de Bueu; e os señores
de García Cobas de Pontevedra, pais políticos dos señores Massó, a cuxo lado
pasan estes días. Moitísimo se podería facer para que os de fora, coñecendo
este país, veñan a pasar a tempada de calor nestas praias; máis hoxe non o
pedimos...”
Ningún comentario:
Publicar un comentario