27/12/25

(A que puido ser, a que foi e a que hai...) 

(Continuación) 

Deste relato e dos que seguen compre facer algún comentario, puntualización ou mesmo contestar a algunhas preguntas como:

Cal era a súa relación/dependencia con Fernando de la Rúa? Para responder a isto habería que botar man da psicoloxía e logo especular cunha morea de factores que se intúen na biografía de Fernando de la Rúa, como o carácter dominante, ambición de posuír etc. Para ser máis precisos remitireime á documentación anterior á manexada ate agora, como pode ser unha actuación ante notario[1] en 1680 na que Melchor de Mondragón urxe a Fernando de la Rúa a buscar mestres, carpinteiro e canteiro, presupostar e contratar con eles as obras da “casa vella dos curas” de Coiro (reitoral). Fíxose todo ante o escribán Juan Fernández: Exhorto, presentación dos mestres de obras, presuposto e contratación da obra e case todo da man de Fernando de la Rúa...

... a quien biene cometido pa que cumpla con su honor llamando para la abaliaon que se manda, pedreros, carpinteros para qe la miren, midan y tacen su valor estimaon an si de piedra como de madera sumándole pa ello juramto que hizo por su mo dho Comissario dixo que lo obedece…”6.


Para comprender un pouco todo isto lembremos que Fernando de la Rúa era non só cura abade da parroquia veciña senón tamén persoa poderosa e temida, con status elevado, con moitas posesións nas Rías Baixas (o que tamén pode traducirse en intereses). E no caso concreto do lugar de Coiro que nos atinxe posuía pazos (Leirachán e A Retirosa), granxas e casas coas correspondentes terras de cultivo e monte. Pero o que mellor nos aclara e xustifica o papel de De la Rúa é que era o posuidor da sexta parte do beneficio curado da parroquia de Melchor de Mondragón.

E agora quizais sexa o momento de preguntarse, construíron ou non a capela dedicada aos Santos Reis no lugar das Besadas ou Abesadas? A resposta é que neses termos non. Mais habería que matizar algunha cousa... a capela acabou facéndose con fundación en abril de 1704[2], no lugar “da Sobreportela da Magdalena” que coincide coa zona das Bessadas, polo escribán Diego Ramírez Montejano cando, xa viúvo, estaba a vivir cunha neta de Fernando de la Rúa[3], Bernarda de la Rúa Freire[4], coa que tivo de 1698 a 1703 catro fillas, e coa que casaría en 1706[5], pasando a ser señores da casa de Leirachán[6].

Sinalar que a capela a puxo Diego Ramírez Montejano baixo a advocación, non dos Stos Reis[7], senón dun grupo de santos/a:

“San Diego, de mi nombre, San Caetano, Santa Barbara, San Marco, San Guillermo abogado de la nieblas y truenos por los muchos que suceden en el contorno y ocasionan una gran perdida de frutos, por quien tengo particular debocion de fabricar, hacer y fundar una capilla de advocación de dhos santos...”[8]

Cada un tiña unha misa anual e, a partir de 1710, ao regular como sería o padroado entre os seus herdeiros e dándose certas circunstancias[9] aparece, por vez primeira con referencia a esa ermida, o nome de S. Cosme:

sean obligados anualmente mandar decir en la dha capilla otra misa rezada a onor del glorioso ssn dn Cosme cuya imagen se alla en dha capilla...8.


Co tempo, cumprindo as mandas do fundador, quedou no imaxinario popular como a capela de San Cosme, baixo a advocación dos irmáns Cosme e Damián.

Quixera desmentir un erro transmitido de boca en boca no cal se atribuía á capela do Stos Reis de Bueu e á da catedral de Colonia (Alemaña) a exclusividade[10] na advocación a ditos personaxes.

 Ante iso dicir que mesmo en España, son moitas as capelas e igrexas consagradas aos mesmos.

Citarei, a modo de exemplo, algunha:

Fanlo
Igrexas:

·        Na provincia de Huesca: no pobo de Javierrelate (Caldearenas), a de Fanlo (Barbastro), de Ara (Jaca), La Hoz de Jaca ...

·        En Castellón: a de Calstellnovo (fundada polos Borjas)...

·        Valencia: á da Praza da Constitución, a de Benissanó ...

Javierrelate
Capelas dentro de igrexas ou conventos:

·        En Burgos: Santo Domingo de Silos

·        La Orotava (Tenerife): No templo da parroquia da Orotava.

·        Madrid: Congregación das Bernardas...

E así poderíamos seguir con máis. Tamén por América, sobre todo en México: como Cajititlán (Tlajomulco de Zúñiga-Guadalajara), Tetela del Monte (Cuernavaca), Metztitlán (Hidalgo), Tupátaro..., ou en Perú como Andahuaylillas etc.

Logo que fai que a de Bueu sexa única? A parte da súa iconografía mariñeira, o seu deseñador, o seu pequeno tamaño é a súa dedicación exclusiva aos Reis Magos.

 

 Nota: Aproveito para felicitar e poñer en valor á Asociación Santos Reis pola potenciación da cultura e patrimonio no mantemento e arranxo da capela como da recuperación das dúas misas cantadas (6 de xaneiro e Ascensión), reparto da “parva” que na actualidade consiste en repartir gratuitamente roscón con chocolate quente, exposicións etc.



[1] Ante o escribán de Cangas, Juan (H) Fernández Rodríguez: “Dotaón y fundaón del abaz d. Melchor de Mondragón. Señor Provissor en sede Bacante” 1680. Folios 98-109

[2] Dotación e fundación no escribán Martín Castro o 7-4-1704 fol. 94-99vª e 8-7-1905 fol.45-46vª. A data que aparece no interior da capela é a de 1705.

[3] Este xa morrera en 1697.

[4] Filla natural recoñecida do capitán José Antonio de la Rúa Freire.

[5] A partires dese ano tivo tamén por fillos: Caetano; Manuel Antonio, Miguel, Francisca Antonia e Bernarda Francisca.

[6] Xa era da do Telleiro.

[7] Que xa había a de Fernando de la Rúa en Castrelo.

[8] Nombramiento de patrón y mejora… Escribán Francisco Pérez del Monte, xaneiro de 1710. Folio 8-9vª

[9] Circunstancias relacionadas co que o padroado tivese que pasar a algún dos fillos da 1ª muller.

[10] Consaciente ou non, nalgún momento eu tamén o fixen.

20/12/25

(A que puido ser, a que foi e a que hai...)

Comezamos un pequeno percorrido no que iremos abrindo camiños, moitas veces ignorados, nos datos que a documentación agocha da memoria, neste caso, da Capela dos Stos. Reis en Bueu[1]. Memoria que a veces non se percibe clara, xa que é eclipsada polas personaxes que interveñen, polo esquecemento que impón o tempo ou pola falta de dilixencia/interese dos responsables de manter vivo ese patrimonio.

Falar da capela do Stos Reis en Bueu e falar de Urbano Lugrís e dunha pequena e fermosa ermida no lugar de Castrelo, ao pé do monte Roxo.

Remontándonos tempo atrás, como o século XVII, ou máis concretamente no ano 1686, estariamos a falar dunha capela fundada[2], a poucos metros da actual, polo Comisario da Inquisición e abade de Bueu, Fernando de la Rúa Freire e Andrade.

Agora ben, quixera contarlles algo menos coñecido, e para iso temos que ir un pouco cara atrás no tempo onde a noticia podería titularse: “O cura de Coiro, Melchor Mondragón, e o abade de Bueu, Fernando de la Rúa, comprométense a facer a medias unha capela baixo a advocación da Nosa Señora dos Stos Reis”. Estamos a falar do ano 1683, no que o Melchor de Mondragón testa e o pon de manifesto:

Item digo: Y declaro qe a algunos días qe yo del  Señor Comisario D. Fdo (Fernando) de larrua Freyre abbad de la fca de boeu emos tratado y ajustado mandar hacer y fabricar una hermita dedicada a honor de nuestra Señora de los Reyes y Su coste abíamos de Pagar de por mitad asta estar fenecida y acabada con sus imágenes y más aderezos necesarios y todo de por mitad”[3].

Onde pretendían facer a ermida? Dise que na Cruz das Abesadas. Aclarar que estaba situada onde podemos atopar o actual cruceiro de San Cosme (Coiro). Esa zona, a ambos lados da estrada que de aí vai á de Bueu-Cangas aínda no catastro figuran hoxe como as Besadas. Zona que, tal como fixo constar Melchor de Mondragón é linde das dúas parroquias, de Coiro e Bueu.

“… la qual se abía de hacer en la cruz de la abessada y dibission desta fca y la dha boeu tanto en un trmo como en otro en la qual aviamos defender sobre nuestros bienes”3.

A fundación da capela consistiría nunha misa cantada, o día de Reis, precedida dunha procesión desde o templo parroquial. Cada ano, de forma alternativa, sairían de Coiro ou Bueu cara a ermida. A procesión sería sufragada con 12 marabedís pola parroquia que non “procesionaba” ese ano.

“… una misa cantada perpetuamente en cada año y día de los Santos Reyes y a honor y alabança suya por el dia seis de henero en el qual dho dia aviamos de llevar alternatibamte ; asi nos dhos como nuestros sucessores a ambos beneficia la Procession a dha hermita y decir dha misa cantada y por ella pagas doce ms al cura qe fuese en procession…”3.

Melchor de Mondragón quería a toda costa que a capela foxe unha realidade para o cal deixaba bens que avalaran a metade da ermida e tamén reforza a petición a Fernando de la Rúa de facela:

 “… y si esto fuere servido llevarme antes qe se aga dha hermita encargo a dho sr Comissaio tenga particular luz dado en acer se aga y de mis vienes se pague la mitad de su coste qe esta es mi voluntad pa honrra y gloria de los Santos Reyes […] Y aunqe asi quedamos ajustados no reprobo de hacer dha hermita del agora= mando y quiero y si quisiere dho Sr Comissao mandar se aga en la forma referida…”3.

Outra das preguntas que cabería facerse é: por que a advocación aos Stos Reis se pola Galicia non hai costume?

No caso de Melchor de Mondragón, por ser o epónimo[4] do seu nome e do seu irmán Gaspar e, como el mesmo indica, pola devoción que lles tiña.

“...qe esta es mi voluntad pa honrra y gloria de los Santos Reyes…”3.

No caso de Fernando de la Rúa: igual devoción procesaba aos Stos Reis amén de sinalar que por esas datas tiña un fillo de 4 anos chamado Baltasar Melchor e posteriormente, unha neta Melchora e outros descendentes con nome dalgún Rei Mago.

Ducias de preguntas poderían facerse e das que algunhas poderían ser respondidas documentalmente con relativa facilidade, outras non tanto. Mais, para non alongar estas notas procurarei facelo só cunhas poucas.

Quen era ese Melchor de Mondragón? Melchor de Mondragón Erenuzqueta estaba a ocupar a sede vacante que había na parroquia de Coiro[5] no ano 1680 e seguintes. Familiar dos curas, que de 1661 a 1792 eran reitores de Stª María de Beluso, Rafael e Benito Mondragón. Tamén podémolo sinalar como irmán[6] de Juan de Mondragón Abraldes e Erenuzqueta[7] casado con Isabel Lamas Ozores, pais do I Marqués de Sta Cruz: Andrés Ibáñez de Mondragón Ozores de Sotomaior... que é a quen lle pide se faga cargo das súas irmás cando el falecera:

“... y encargo pido y supco a mi sobrino el Sr d Andrés de Mondragón marqués de Sta Cruz[8] […] se sirva mirar y volver por la pausa desas pobres hermanas amparándolas con su abrigo”3.

(Continuará)

[1] Levaba dez anos nunha carpeta, á espera de dalo a coñecer. Agora sae a luz polos ecos chegados do amigo Anxo Coya.

[2] Con 24 misas anuais e 2 cantadas (día de Reis e da Ascensión) con valor de 70 ducados.

[3] Testamento de Melchor de Mondragón, cura de Coiro ante o escribán: Pablo de Castro, 12-7-1683.

[4] Tamén dun cóengo de Santiago, tío da súa nai e da que esta herdou.

[5] Seus país, Juan de Mondragón e Isabel de Teixido eran patróns da dita igrexa, así como a de Beluso.

[6] Tamén tiña por irmás a Escolástica (que vivía con el na casa parroquial) e Bernarda que era monxa no convento de San Paio de Santiago de Compostela, a Benita, Gaspar e Diego que era tamén cura.

[7] Rexedor de Santiago e Familiar do Sto Oficio.

[8] A concesión do marquesado fora dada uns meses antes (8 de xaneiro de 1683) polo rei Carlos II.