Por mor do espazo omito a arquitectura popular presentada como tal en libros como “Ons, a arquitectura dunha comunidade desaparecida” de Pedro de Llano, “Bueu: o seus canteiros e os seus reloxos de sol” de Jozef Van Linthoudt, “Inventario de arquitectura industrial” de Iria Sobrino e Rai Calviño, etc.
Sen pretender facer unha relación exhaustiva cito algunhas mostras arquitectónicas que por mor do momento, das tendencias, do recoñecemento,… foron premiadas ou recollidas como senlleiras en libros especializados.
1º Casa de Molezún na Roiba (Beluso). Feita entre 1967-69 como casa de verán por e para o arquitecto madrileño Ramón Vázquez Molezún, Premio Nacional de Arquitectura 1954. Trátase da remodelación dunha antiga salgadeira á que se lle engadiron elementos estruturais e materiais novos pero mantendo recunchos e estancias antigas. Cítase en, polo menos, dous libros: “Casa por casa” de Jorge Torres Cueco. 2009. Na páx. 92 e “Casas atlánticas: Galicia y norte de Portugal” de Antonio Armesto. 1996. Na páx. 48.
2º Mercado e lonxa municipais de Bueu (1971-1973) Proxecto dos arquitectos César Portela (Premio Nacional de Arquitectura 1999) e Pascuala Campos. Foi a lonxa que dende principios dos 70 estivo ata que se fixo o Centro Social do Mar e a Praza actuais. Levou un premio, entre outros, ao recoñecemento á utilización nova das pranchas de filón translúcido (coñecémolas coma “uralita translúcida”).
3º Pavillón Polideportivo de Bueu. Do arquitecto Agustín Miguel Pouseu Loira, fillo de bueuenses, que con esta obra gañou o III Concurso Nacional Ferrogres-Arquitectura 1995. A súa traxectoria como arquitecto de prestixio (foi Presidente del Colegio Oficial de Arquitectos de Pontevedra) está acompañada pola creación poética (“El bosque de ‘Acivro’”) e plástica (pintura, escultura, debuxo, plumiña,…)
4º Conxunto Residencial “Mazá Massó” de Bueu. Os autores do proxecto técnico son os arquitectos Jerónimo Junquera, Liliana Obal e Teodoro de Francisco Antes e promovida pola empresa Cuarteirón. Recibiron o primeiro premio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en Planificación, 2011.
Tamén poderíamos dicir:
… que a actuación dos arquitéctos Irisarri e Piñera no porto de Beluso tamén sae en revistas especializadas…
… que Bueu ten un feixe selecto de arquitectos/as xoves que deberían ter máis oportunidades no mundo da construción…
… que hai reconstrucións de casas unifamiliares, muíños, etc. merecedoras de recoñecemento e feitas pola experiencia e bo facer de "mestres de obra" coma Antón e outros…
… que o Cine Avenida foi uns dos primeiros edificios feitos en Galicia con cemento armado…
Todo iso pode que teña presenza outro ano…
Ningún comentario:
Publicar un comentario