09/05/13

UN AVIÓN MISTERIOSO… EN ONS

Ao longos dos anos escoitei falar a illeiros rapaces, e non tan rapaces, de fenómenos estraños relacionados con luces que se movían na contorna de Illa de Ons que habían visto  tanto dende terra como dende embarcacións. E case sempre acababan desaparecendo no mar. Os interlocutores sempre o relacionaban co fenómeno OVNI. Dicir que os xornais, revistas e ata algún programa de TV1 daban nesa época pulo a estes fenómenos.

Pero as noticias sobre fenómenos estraños no ceo de Ons remóntanse no tempo aínda que non sempre se relacionaron coa ufoloxía. Ese é o caso saído en “El Compostelano”, no 1930, citando ao correspondente do “Faro de Vigo”  que indicaba que os veciños do Ons lle habían manifestado o seu desacougo pola presenza dun avión cada catro ou cinco noites dende hai un mes.

“... aparece no horizonte, a gran altura, un potente reflector que se achega rapidamente a terra, procedente do mar, rumbo de Oeste a Leste.
Cando o aparello chega, sempre voando alto, ás proximidades de Ons, o reflector apágase.
Durante uns minutos vibra no aire o tremer do motor ou motores do “velívolo”; pero a altura en que este navega no espazo faio invisible para os habitantes da illa.
A persistencia e a periodicidade nas súas visitas do aparello aéreo ten en tensión os nervios dos veciños de Ons, que non saben a que atribuír a presenza do avión que elixe as noites para os seus voos e que se rodea de misterio para achegarse á desembocadura das rías de Vigo e Marín.”

... e nestes tempos ata aparecen vídeos por internet como este no que se pode observar a caída dun suposto OVNI preto da illa de Ons.
Poderíamos rematar coa adaptación ao tema da ambigua, antitética e popular frase de “Eu non creo nos Ovnis, máis habelos, hainos

------------
1
.- Era a época na que “especialistas” como, por por un exemplo significativo,  Fernando Jiménez del Oso divulgaban os enigmas ao través de programas de TV como “Más allá”, “La puerta del misterio”, etc. Ou publicacións periódicas como “Más allá de la Ciencia”, “Universo Oculto”,...  Persoas coma el, que utilizaron a proxección mediática dos medios de comunicación e as súas dotes de comunicación e divulgación para “colarnos” algunhas noticias e feitos de dubidosa factura científica.
 

Ningún comentario: