01/11/13

Fotógrafo de Bueu 2º Premio nacional en 1921


Moita xente de Bueu sabe da afección e bo facer no campo da fotografía do conserveiro Attilio Gaggero. O que case todos descoñecíamos era que esta “paixón“ tamén a compartía o seu amigo Salvador Lago. E non o debía facer nada mal pois Salvador Lago Carballal, de 23 anos, fillo dos salgadeiros da praia de Beluso, Clemente Lago e Eduarda Carballal, aparece na páxina 22 do xornal ABC do 7 de novembro de 1921 como gañador do 2º premio nacional de fotografía convocado pola empresa estadounidense KODAK baixo o lema “Escenas del veraneo”.
A parte do premio, en efectivo de 500 pesetas (Unha cantidade moi importante neses anos e para que teñamos referencia comparativa dicir que supón o soldo de dous meses dun catedrático de universidade ou o soldo de máis de seis meses dun obreiro) a súa fotografía gañadora estivo exposta nunha galería, na Avda. do Conde de Peñalver en Madrid.
Da bágoa pensar que puidera perderse toda a súa obra fotográfica... Esperamos que no fora así e que algún día a poidamos ver...

Ningún comentario: