03/06/19

Concha, a vendedora de 'abortivos' en Bueu

Se na prensa de hoxe aparecera de que a policía está na busca de alguén por tráfico de estupefacientes pareceríanos unha noticia máis, sen apenas relevancia ou que provoque excesiva sorpresa pois, aínda que non é algo habitual, si ocorre algunha vez algo semellante.
O que si nos chamaría máis a atención que estas substancias prohibidas foxen “abortivos”. Pois iso foi o que ocorreu en Bueu no mes de xaneiro de 1894.
O diario da tarde El Eco de Galicia[1] recolle, de forma textual, a noticia do Diario de Pontevedra:


«Poucos días fai que por persoas do próximo porto de Bueu, tívose noticia oficial nun centro desta cidade, de que naquela vila había indicios bastante claros que testemuñasen  a existencia dunha persoa expendedora de abortivos.
En efecto, feitas as oportunas investigacións, o feito confirmouse e hoxe sábese que Bueu alberga unha muller chamada Concha que se dedica ao terrible e criminalísimo tráfico que se denuncia.
En vista de confirmación tan importante déronse ordes de que fose buscada e detida a Concha en cuestión, quen sabedora polo visto das pescudas que a autoridade empezou a exercer, abandonou a súa casa desaparecendo de Bueu.
A Garda civil perséguea con actividade.»
Moitas das noticias que aparecen na prensa dilúense no tempo e acabamos descoñecendo como se resolveron ou cales foron as circunstancias que rodean os casos. Aquí ocórrenos o mesmo, pouco máis soubemos da tal Concha… coa excepción de que se chamaba Concepción Mallo[2], que tiña o sobrenome de Baralleira e que foi detida pola policía en Pontevedra dous días despois de iniciada a súa busca.


[1] Eco de Galicia do 19 de xaneiro de 1894 na páxina 2.
[2] Gaceta de Galicia do 21 de xaneiro de 1894 na páxina 2.

Ningún comentario: