01/07/19

Onde está a columna da Robaleira?


Se vos fixades nas fotografías veredes que na Robaleira houbo unha columna da que só algunhas persoas se poden lembrar. Unha desas é Lelo… que ante as preguntas do sobriño Miguel confirmou non só a súa existencia senón tamén cal fora a súa utilidade real.
As explicacións confirmaron as hipóteses que sobre ese ‘elemento estraño’ propuxeramos entre amigos na procura de interpretalo.
A descrición que da columna fixo era a dun guindastre (grúa) que se puxera aí para cargar de pedra aos galeóns que a levaban para a construción do muelle vello (que pode mirarse ao fondo na mesma fotografía e que se atopa agora no interior do recheo do ISM e da lonxa nova).
Á busca da pedra que lle servira de base foi infrutuosa, pois está desaparecida ao igual que algunhas que tamén había ao seu arredor.  A esta incógnita tamén lle deu solución pois no discurso aclaratorio apuntou que cando quitaron a columna, pois xa non facía falta, aproveitaron para cortar as pedras e facer ‘mortos’ para o fondeo dos barcos.
E, por se fora pouco, a partires dese momento, ao eliminar unha barreira natural, comezaron a afectar de forma directa as marusía ao extremo da Banda do Río, na zona do Penedo ou Niño do Corvo, tirando ao pouco tempo parte do que fora salga da familia Galup (A Requisa) alí localizada.


Ningún comentario: