01/08/19

O ditador italiano Mussolini descendente dunha familia de Bueu?


Como xa mencionei nalgunha entrada deste blog con noticias que puxen como: «O xograr Macías o Namorado era natural de Bueu»[1], «Gabriel Miró descendente de Andrés de Ons»[2] ou « Luís Camões descendente da bueuesa Urraca Lorenzo?»[3],  non intento encher Bueu de ascendentes ou descendentes de persoeiros que nada ou pouca relación teñen con este concello. O que pretendo, como simple curiosidade, é mostrar un comentario saído na prensa ou suxestión dalgún que outro autor que nos permita esbozar un sorriso ou coñecer algo distinto do que se di dunha personaxe.
Pero a noticia que hoxe presento é quizais, de ser posible, máis estrambótica que as anteriores: o ditador italiano Mussolini descendente dunha familia de Bueu.
Vou poñer o máis relevante da información de Bueu que aporta o correspondente nesta localidade do xornal El Pueblo Gallego do 22 de xuño de 1926 na súa páxina 15: Sobre a orixen de Mussolini. Curiosa información.- Unha parte da prensa arxentina dedica as súas columnas á investigación do orixen de Mussolini, e polo que o asunto ten relación con Bueu, transmitimos algunhas impresións reflectidas nos diarios que dilo se ocupan.
Segundo algúns, o ditador italiano naceu na Pampa, fillo de inmigrantes italianos que logo o levaron a Italia. De aí que como unha homenaxe ao “lembo di terra ove si é nato”[4] que dixo Dante, conserve o nome de Benito en lugar de Benedetto.
É esa unha versión que concorda en parte con esta outra. Aludimos […] ao historiador ferrolán don Ramón López Teixeiro, na edición do seu libro “Gallegos famosos”.
O señor López Teixeiro sostén as súas teses de que Mussolini é de prosapia galaica e en defensa das súas aseveracións aporta moitos e moi atendibles elementos de xuizo.
Empeza polo nome, Benito, que é dos máis xeneralizados en todo Galicia, […] e estudiando o apelido Mussolini, sostén que se deriva sen dúbida algunha, de “mujel” ou “mújol”, […] e ao que en dialecto galego dáselle o nome de “muxol”. O diminutivo de muxol en galego é muxoliño e é común entre os pescadores “traiñeiros” aplicar aos rapaces que lles axudan a recoller a rede, o nome de “muxolines”.
[…] López Teixeiro, comprobou que no pequeno porto de Bueu (preto de Pontevedra) existen varias familias que levan o apelido Muxolín, Antolín, Lalín, etc. de terminación aguda.
Agora ben: como Mussolini o Muxolín chegou a Italia?
Explica o feito da seguinte maneira: Na susodita localidade de Bueu existen uns anciáns Muxolín que falan dun fillo que fai cerca de medio século saíu para Bós Aires, establecéndose nun punto das pampas que non poden precisar.
Poucas son as noticias que chegaron a Bueu sobre as andanzas dese rapaz. Sábese só que escribiu aos seus pais anunciándolles que se había casado alí, en Puán, coa filla duns colonos italianos, e despois, por medio duns paisanos, soubose que morrera e que a viúva cós pais dela e co rapaz, regresaran a Italia.
[…] Conclúe afirmando que o cambio de apelido galego “Muxolin” polo italiano “Mussolini” operouse na escola de primeiras letras que haberá frecuentado o hoxe presidente italiano. […]
De ser certo todo canto antecede non cabe dúbida que nas ditatoriais venas de Mussolini corre sangue galega.
Pero o que si podemos asegurar […], é que […] nesta parroquia existe algunha familia a quen se coñece polo nome ou alcume de “Muxolin” […] ”
Sen comentarios!
Aquí teñen a noticia completa : 
El pueblo gallego 22 de xuño de 1926 p. 15

[1] Entrada do 01 de febreiro do 2012
[2] Entrada do 25 de maio do 2012
[3] Entrada do 01 de xaneiro do 2014
[4] “Franxa de terra onde naceu”

1 comentario:

emilio rodriguez miranda dixo...

como diría un tal Colón cando chegou ás Américas...Manda carallo na Habana¡