01/03/20

1923 un ano sen comparsas de Bueu no Entroido

O habitual dende finais do s. XIX ata hoxe é que no Entroido bueués sempre, ou case sempre, houbese algunha comparsa do mesmo concello polas rúas deste pobo.
Mais que non houbera agrupacións bueuesas que puxeran colorido local ás rúas non quer dicir que a festa do Entroido tamén estivera ausente. Moi ao contrario, senón mirade as alusións nos xornais aos bailes de sociedade e aos disfraces que lucían nas noites de Entroido. E ata a presidencia dalgunha Murga/Comparsa do pobo veciño que nos visitaba tiña referencia local, neste caso o conserveiro Attilio Gaggero.
A modo de exemplo, poñemos coma testimuña documental unha nota saída no xornal  Galicia publicado en Vigo o 15 de febreiro de 1923 na páxina 2 onde di:
Do Entroido

Observouse o martes a mesma desanimación que nos días precedentes, e a non ser por unha comparsa de Cangas, en nada se houbera notado a presencia de ‘Momo’.
A Agrupación “Los Trovadores”, da inmediata vila de Cangas, deu motivo para que a xente se botase á rúa e se aplaudise a boa afinación de voces e a esmerada execución pola numerosa rolda.  A letra e música, obra do inspirado señor Tenreiro, chamou xustamente a atención.
Dita comparsa visitou ás autoridades, saudou ao seu presidente nesta localidade o distinguido xove señor Gaggero, en cuxo domicilio foi esplendidamente obsequiada.
Máis tarde visitou a sociedade Liceo Casino e diversas casas particulares.
Liceo Casino
O baile do martes en nada desmereceu do celebrado o domingo. O elemento máis xove sempre disposto a lucir a súa destreza nos bailables modernos e exóticos, animou a festa ata a madrugada.
Houbo disfraces moi vistosos e chamaron a atención algunhas máscaras interesantes.”


Se queres saber algo máis do Entroido en Bueu a Revista de referencia é O Candil nº 24 “100 anos de entroido en Bueu” onde poderás coñecer a centos de comparsas e ler centos de letras: http://bueu.esy.es/Revistas/O%20Candil/24.pdf

Ningún comentario: