Falar de A Coqueluche ao longo do tempo era falar dalgo que se identificaba cunha enfermidade infecciosa que afectaba, sobre todo, aos lactantes. Pero que é A Coqueluche e como a coñecemos na actualidade?
Para dar resposta a iso, e sen caer en explicacións amplas imos tomar ao Instituto Pasteur, e ao seu departamento de referencia para a enfermidade, coma guía.
A Coqueluche tamén denominada como tosferina ou tose compulsiva[1] é unha enfermidade infecciosa de tipo bacteriano (Bordetella pertussis) que se pode dar en calquera tramo de idade pero afecta de forma máis frecuente e grave aos infantes e persoas que teñan certas patoloxías. O grao que ten de contaxio é moi alto.
Pareceranos que hoxe está erradicada, por non saír nos medios de comunicación ou por posuír potente medicación para facerlle fronte. Moi ao contrario pois aínda segue a bater anualmente a uns 24 millóns de nenos menores de 5 anos, dos que morren máis de 150.000. Unha barbaridade! Verdade? Pero como dáse en países pouco desenvolvidos, do chamado terceiro mundo, ... Unha mágoa!
En España a incidencia da enfermidade ao longo do s. XX non foi moita se exceptuamos pequenos brotes epidémicos que nalgunhas cidades como Oviedo chegaron a 700 casos nun so mes (1928) e con pouca mortalidade.
Se nos achegamos máis a nós, veremos que na provincia de Pontevedra ese mesmo ano de 1928 o mes, xaneiro, no que máis atacados houbo con 80 e 2 falecidos. Sen embargo sería en marzo do ano seguinte o que máis contabilizou en valor absoluto, con 155 coa enfermidade dos que 6 morreron.
En Bueu o número exacto de coqueluchosos descoñécese, aínda que si se pode afirmar que os mortos foron moi poucos (1 cada dous ou tres anos) a pesar de que de vez en cando había un número nunca moi grande que a padecía.
Vou poñer un par de oficios que fan referencia a esta enfermidade na parroquia de Beluso. O primeiro é do 4 de
maio de 1928 no que o Inspector Municipal de Sanidade, Dr. Ignacio Lis Lombos,
comunica ao alcalde, Camilo Davila Davila, do informe que lle envía ao Inspector
Provincial de Sanidade sobre o estado sanitario en Bueu:
“Con esta data recibo comunicación do Médico de Beluso D. Rogelio Val Barros, que copiada di:
‘Estou asistindo fai días, a varios nenos que presentan os síntomas típicos de coqueluche e segundo puiden observar existe dita enfermidade en forma epidémica nos barrios de Ruanova, Cabalo, Praia, Sar e Montemogos, quedando indemnes por agora os barrios de Bon e Vilar’”.Na seguinte comunicación, cinco días despois, se di :
“Teño o honor de comunicar a V.S. que no día da data, recibín comunicacións de todos os médicos do distrito os que me din, que non prestan asistencia médica a ningún caso de enfermidade infecto contaxiosa a excepción do Sr. Rogelio Val, médico de Beluso que me participa que a epidemia de tosferina segue en aumento e sen complicación de importancia”.
Por sorte, e grazas ás vacinas, hoxe non estamos a sufrir en forma epidémica esta enfermidade. Sigamos así!
[1] Houbo autores quen lle chamaban ‘bronquites epidémica’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario