01/04/18



Corren tempos nos que os presos, as fugas, etc. están no día a día... E esa mesma insistencia da noticia nos medios de comunicación fixeron aflorar o documento que lles vou a presentar hoxe e que fala da primeira[1] de dúas fugas sonadas de presos do calabozo do concello de Bueu ocorrida no ano 1900.  
O oficio onde imos saber o que aconteceu ven da man do mesmo “carcereiro” cuxa explicación non sabemos se convenceu ao alcalde ou non, pois o relato parece, cando menos, un tanto novelado...
Mais véxano transcrito integramente:

“Señor Alcalde municipal deste Concello de Bueu [2] ,
Matias J_xxxxx P_xxxxxx veciño desta vila e encargado por V. da custodia do que se di chamar Balbino S_xxxxxxx P_xxxxx detido no depósito municipal por vendedor de Pólvora, a V. maniféstolle: Que estando dentro de dito depósito con este individuo abalanzouse sobre min poñéndome unha navalla de afeitar ao pescozo ao que me intimidei e mentres tanto apoderouse da chave, franqueou a porta y fugouse.
O que participo a V. para o seu coñecemento e demais efectos por medio do presente que non asino por non saber. Verificándoo ao meu rogo os que subscriben en Bueu a nove de xuño de mil novecentos.
(asinan) Franco Rúa  e  José Bon”

[1] Xa que, da segunda, de consecuencias funestas, ocorrida o 7 de decembro de 1936, pode lerse, cunha pequena biografía e acontecer de cada un dos fuxidos, na revista ‘Crónica da represión en Bueu’ de abril 2007, páx. 5-6, editada pola Asociación Amigos de Johán Carballeira.
[2] Miguel Nogueira Fráguas

19/03/18


O panorama político e o económico percíbense cada vez con máis sombras que luces. E para darnos unha pequena alegría, esquecéndose do pesimismo social imperante, de cando en vez, moi de cando en vez, hai que pararse a mirar pola xanela da honradez. Esta, segundo borboriña o vento, existiu. E ata hai ecos anónimos, por vergoña, que din que existe.
Para mostra un botón:
Remontémonos á primavera do ano 1932 e parémonos nas ordes que o Axudante de Mariña
lle dá aos amanuenses da mesma en canto á prohibición de aceptar calquera regalo que se trouxera a dita Comandancia, ... podendo ser sancionados, segundo a lei, o donante e receptor do mesmo...
Pois dunha infracción a esta prohibición quedou documentada cando o Sr. Axudante de Mariña da Capitanía do porto de Bueu, D. Gonzalo Torrente Piñón[1], enviou un oficio ao alcalde acompañado duns “corbelos”, manifestando que unha muller intentara regalarllos.  Pero mellor é que lles transcriba o oficio dirixido ao alcalde de Bueu:
“Por se se digna dispoñer a súa entrega a unha familia pobre desta localidade que V. teña a ben designar, teño o gusto de remitirlle o peixe que se acompaña, dos denominados “corbelos”; o cal foi entregado nesta Axudantía en concepto de obsequio para a Autoridade que subscribe, por unha muller que fuxiu ao serlle rexeitado en cumprimento ás miñas instrucións; sen prexuízo da sanción que de acordo coas leis vixentes haxa de impoñerlle cando pescude quen é a muller de que se trata.
Bueu 27 de maio de 1932.
(Selo e sinatura)  Gonzalo Torrente”

Nota: Ao dorso do documento atopámonos cunha nota manuscrita co nome da persoa á quen lle foi entregado o peixe. Era do lugar do Norte.


[1] Pai do escritor Gonzalo Torrente Ballester. Estivo na Axudantía Militar de Marina do 1935 ata 1952. No xullo de 1936 foi o militar encargado de facerse cargo do concello, depoñendo ao alcalde José Gómez de la Cueva (Carballeira)..

01/03/18


Un mecánico de máquinas de peche das latas, empregado da fábrica de Massó elevou unha pregunta, nos primeiros meses de 1933, ao Ministerio de Traballo e Previsión: Tal e como se pretende, é preciso modificar as condicións laborais na industria, autorizando xornadas femininas ilimitadas ou diminuír o prezo das horas extraordinarias?
Resulta inquietante e moi raro que en condicións normais un empregado, e para máis irmán do xefe de fabricación de envases, poña en cuestión ante as autoridades a política da empresa. Cal sería o motivo real da pregunta? Foi feita “motu propria” ou inducida?  Fose como fose, responder a esta cuestión hoxe aínda resulta difícil. O certo que por esas datas non había graves conflitos laborais en Massó. A empresa Massó era adiantada non só tecnoloxicamente senón tamén nas condicións laborais. E con respecto ás horas laborais recollo do historiador Manuel Aldao[1]:«No regulamento de 1930 xa aparecían as horas extra»

Transcrición da resposta dada, ao través da alcaldía, pola Dirección Xeral do Ministerio de Traballo, ao traballador:
“Pola presente prego a V. sírvase comunicarlle ao obreiro, empregado da fábrica de conservas da Compañía Massó Hermanos S.A., Ángel XXXXXX que, en contestación ao seu escrito elevado ao Ministerio de Traballo e Previsión, a Dirección Xeneral ordéname lle comunique o seguinte: “Que se considera non é indispensable efectuar as modificacións que se pretenden para que poida traballar a industria en condicións normais, xa que non é posible autorizar xornadas femininas ilimitadas nin tampouco diminuír o prezo das horas extraordinarias.
Saúdalle atentamente
Vigo a 14 de xullo de 1933.”

En vez de dar receitas que cada quen chegue a algunha conclusión, aínda que sexa utilizando só o sentido común, e no día a día obre en consecuencia.


[1] La Voz de Galicia, 4-02-2018: “Cuando Massó se adelantos a las grandes mejoras laborales” de Gladys Vázquez

11/02/18


Xa na revista O Candil nº 24 titulado “100 anos de entroido en Bueu”[1] na páxina 8 puxera unha referencia a dúas comparsas, que actuaran polas rúas de Bueu no 1900: unha infantil, dirixida polo músico Miguel Paratcha e outra chamada “LA JUVENTUD DE BUEU” que dirixía José Estevez (da Graña) que musicou á letra do mestre Ramón Bares Fariña. Tamén nela cítase os traxes que luciron (“de paxes da época de Felipe V”) así como o xastre que os confeccionou (Remigio Gómez, da cidade de Vigo).
Mais do que quero agora facerlles partícipes é da repercusión desta comparsa bueuense na cidade de Vigo: Segundo a portada do Faro de Vigo do 25 de febreiro de 1900 na cidade olívica “Os afeccionados ás emocións propias destes días de carnestolendas están en desgraza. O Entroido promete dar pouco de si...”. Nesta mesma crónica anunciase que virá unha comparsa de Bueu o Luns de Entroido dicindo que “Os que a forman visten traxes de paxes da época de Felipe V. Contan cun variado repertorio[2] que deixaran oír ante a residencia das autoridades e domicilio os xornais. Logo percorrerán as rúas da poboación, deténdose a tocar e cantar nalgúns puntos.”
Nos albores do século XX estaba o Entroido de Bueu a dar mostras do seu bo facer polos pobos da contorna e abrindo camiño a outras moitas comparsas como a mesma citada comparsa infantil do Sr. Paratcha que foron por Marín e Cangas ou, por poñer algún exemplo, As Pirilleiras, Os Mulos[3] e Vou nun Vou actuando co Xarángallo Mángallo en Marín.


[2] Eran “5 bonitos bailables”
[3] Tamén en Lalín.

01/02/18

Nos pobos mariñeiros como Bueu ao longo da súa historia, sobre todo a partires do esmorecemento da fidalguía local no s. XVIII, o status social viña ligado á relación co mundo do mar. É aquí que co cambio sufridos pola pesca non so nas artes, embarcacións, procesos de conservación senón tamén nas  relacións laborais, comercialización, etc. que levou a unha transformación social de cambio radical sobre todo no control dos elementos produtivos, control económico e político.
A parte do fomentadores, conserveiros, ... un elemento de ese motor económico-social era a figura do patrón (das embarcacións de pesca) e por enriba deste o armador (moitas veces patrón-armador).
Ser armador era ser dono dos elementos esenciais da pesca: redes e embarcacións. Polo que case todos os que tiñan salgas (Rosa Mª Avalle, os Galup, os Solabarrieta, etc.) ou fábricas de conserva (Massó, Tapias, Prieto, etc.) tamén posuían embarcacións menores para a pesca e, para beneficiarse da comercialización, embarcacións de máis alto porte coma galeóns, bergantíns, goletas, etc. (familia Plá-Avalle, Familia Galup, Massó, etc.)
  O menos frecuente nestes últimos séculos era que persoas alleas ao mar se implicasen neste como elementos de dominio e donos dos medios produtivos. E moito máis raro era que o fixeran curas párrocos, persoas que socialmente considéranse alleas ‘ás ataduras terreais’[1] e que están ao cargo dunha comunidade de crentes ou parroquia.
Pois ben, se isto último é excepcional noutros lugares da nosa costa, en Bueu deuse non una, nin dúas ou tres, senón, polo menos que eu saiba, ata catro veces ao longo dos últimos séculos.
Para non alongarnos vou citalos brevemente:
1º Tal como recolle Marinelli, Moreira e Rodal na súa «Historia de Cangas»: “O reparto  dunha sacada[2] no que o socio capitalista era o abade de Bueu en 1633 era así: a captura divídese en 14 quiñóns, e recibe o abade polo barco 2 quiñóns, 1/2 pola dorna que auxiliaba nas faenas da pesca, 6 quiñóns máis polos aparellos, redes, cordas etc., En concepto de décimo dan á Igrexa 1,25 quiñón...”[3]
2º Na época que o párroco de Bueu, Fernando de la Rúa, percibe como foro certas cantidades de saín, polas súas casas do Berbés de Vigo[4] o abade de Beluso, Benito de Mondragón, merca a metade dun barco en 1686, no que Muros aparece como porto base[5].
3º No ano 1878 con motivo dun acto de conciliación pola venda da goleta-bergantín “Joven Casimiro” que fora da familia Galup  e outros propietarios aparece entre estes la figura de Benito Díaz, párroco de Beluso (era socio da viúva de Jerónimo Galup).
4º D. Andrés Vázquez Caneda cura de Beluso, de 1963 ata a súa xubilación en 1993. Era armador en asociación con unha coñecida familia de Beluso nun barco construído en 1974 de nome «Monte Fariño»[6].
Quixera rematar esta anomalía estatística de curas-armadores nun mesmo concello co dato de que outro cura de Bueu, o coadxutor Antonio Lojo, que era fillo dun patrón-armador do Porto do Son, José Lojo, que faleceu, con tres mariñeiros e un neno, no naufraxio que se produciu a causa dun temporal o 17 de abril de 1930. 

[1] Sen ter en conta, entre outros, os décimos que houbo en tempos no mundo do mar.
[2] “Sacadas” … é unha das modalidades máis coñecidas do “cerco”. As “Sacadas” pequenas eran a “rapeta” e a “traiña”
[3] Vázquez Marinelli, C., Moreira Pumar, J., Rodal González, M.: «Historia de Cangas», Pontevedra, 2007, p.172
[4] Escribán Matías Avalle y Castro, AHP, Sección Protocolos Ca-1649 bis. Ano 1682, f. 12 e ss
[5] Escribán Bernardo de Barros, AHP, Sección Protocolos Ca-3247 (2). Ano 1688, f. 56
[6] Arrastreiro de 37 m e una manga de 8 m. Cun tonelaxe bruto de 248 t.