Dende os anos vinte do século pasado o santoral bueués ten
un santo máis. Coñecido por todos os seus devotos como San Vir-Elas. Ata a
eliminación do local do “Círculo Náutico de Bueu” presidiu unha das súas
paredes nun cadro que se lle atribúe ao eximio debuxante Federico Ribas. O
cadro pintado con técnica de tinta e grafito sobre papel de 60 x 43 cm,
actualmente nos depósitos do Museo Massó de Bueu.
Fai anos o poeta Luís Ríos Dopazo escribiu sobre a orixe de
San Vir-Elas e ese documento é o que lles transcribo a continuación para que
aquel que non o coñeza decida poñelo ou non na súa lista ou santoral
particular:
Copia cedida por Manuel Aldao |
"Hoxe en día aínda podamos dicir que, sen matinar niso, sae para
fora de nós unha devoción para pór diante das bruxas e os trasnos, vagarosos
por camiños e encrucilladas, velas e candis para facerlle dar viravolta. Por
elo, coido que a miña historia é auténtico enxebrismo galego anque mesturada e
chea de paganismo celta.
Isto aconteceu cando nunha partida de dominó hai un dos xogadores
que non lle vai na boa e a carón del está un home como Federico Ribas. Este
nacera en Vigo no 26 de novembro de 1890 e tiña sona de ser home moi culto e de
moita resonancia pois no seu tempo salientaba como debuxante tanto nas Américas
como en España. En Francia chegou a ser director artístico da revista parisina
“Mundial”; traballou en “Elegancia” e tamén colaborou na “Le Rire”, asínesmo
que noutras editoriais.
Pois ben, este Federico Ribas pasaba os veráns en Bueu xa que era
meirande compañeiro do señor Gaspar Massó. O Federico despois de terminar de
comer acompañaba ó señor Gaspar ao Casino a tomar café e presenciar a partida
de dominó. Era o Ribas un espectador atentiño, oíndo e matinando sobre o que
dicían os uns e os outros entorno do xogo.
Un día sucedeu unha cousa extraordinaria, que motiva o que hoxe eu
poida facela historia que estades e ler. Todo sucedeu así, e diso,
humildemente, damos testemuña para a historia
Un dos xogadores, Barreiro o da Bomba, pois por tal era coñecido no
pobo xa que usaba dito instrumento para despachar gasolina, cadrou que tiña
mala sorte no xogo -”non lle ían” -; sempre lavaba malas fichas, aforcábano os dobres,
e o bo do home, cando alguén lle dicía:
- “ Moi mala sorte tés, Barreiro”.
El sempre respondía:
- “ San vir elas”.
A cousa estaba feita. O xenio creativo do Ribas, que escoitaba
calado, fixo e encargouse do resto. Un día chegou ao Casino cun debuxo que
podedes ollar aquí a beira. Eu ata coido que semella un pouco ó señor Barreiro.
O debuxo representa o “San Vir-Elas”. O “santo” amais da coroa ten uns
guedellos e barbas fenicias, na man esquerda un tazo de café fumegando e na
dereita un caxato de peregrino onde prende a soga que aforca o malpocado seis
dobre, ingrato e desagradecido ser das partidas de dominó, de estraña cachola,
ollos pechos e brazos de pito morto.
Como todo “santo” que se respecta ten a cintura de corda e nun
extremo cólgalle e pende unha cabeza de allo, remedio probado encontra das
bruxas.
Noutro lado ten un chaveiro onde pende un aviso da meirande
importancia prós devotos: ”Pechade sen preguntar”. Primeira orde do “San
Vir-Elas”, coido eu, a todos os xogadores de dominó e que pescudan aforcar o
seis dobre. Non podían faltarlle ó noso santo “un par de anxos volvoreteiros e
a serpente pecaminosa”.
Cando o “San Vir-Elas” estivo entronizado no Casino axiña os
devotos do pobo encomezaron a traerlle ofrendas para que lles dera sorte no
xogo. Uns era un tomate, outros unha cebola, mais sempre eran os mellores
produtos da eira pois o retranqueiro “San Vir-Elas” non se deixaba amadurar por
cousa ruín.
Asegundo os mais eruditos investigadores do “santo”, o primeiro
milagre seu pasoulle o compañeiro Américo, bo home e mellor “peixe”. O Américo
é bo católico; vai a misa e confesa, como todo católico, unha vez por ano si
non hai perigo de morte, que nese caso faino cantas veces faga falta.
Un día asegundo el me contou, estando solteiro, acompañando a súa
moza a casa ollou un limoeiro extraordinario, propiedade da nai da rapaza, cuns
limóns de moito nabizo. Xogando coa sorte, roubou un limón e levoullo o “San
Vir-Elas”. Ofrecer o limón e ter sorte no xogo foi todo un. El non cree nas
bruxas pero ese día xogando o xulepe foi a primeira vez da vida en que gañara
tanto carto. E din que berrou:
-”San Vir-Elas, eu non creo nas bruxas, mais desde este intre en ti
fago confianza”.
Foi pasando o tempo e a devoción o “San Vir-Elas” foi esmorecendo.
O santiño ollaba saír e entrar a xente no Casino, mais ninguén rogaba unha
caridade. Eran tempos de apandar ata para os santos, pero o “San Vir-Elas” sabe
agardar. En efecto, un bo día unha pandilla ollando ó “santo” cheo de teas de
araña decidiron limparlle o polvo e o barro; deixárono novo do trinque. Logo,
propuxeron de común acordo facer algo por el.
Respectar a tradición? Organizar algunha cousa nova? Venceron os
innovadores, os de esperanza no futuro; había que sacar o “San Vir-Elas” a
asollar un pouco, pois xa facía moito tempo que non vira o sol o probe do
santo. Cousa feita. A semana seguinte da festa de Santiago no monte Hermelo,
fixeron os seus devotos unha festa campestre acolá enriba con todo boato
necesario. Ben, non pensedes mal. Non houbo misa, pois os santos enxebres non
están canonizados. Sen embargo, a romaría foi de moito pistón. Tocaron os
gaiteiros do Axuntamento, houbo sardiñas e costelas de porco asadas con vides
de viña e carolos de millo, como nos tempos vellos. Todo foi mesturado co bo
viño de Cela e daba xenio ollar a todo o mundo brincando ó son das muiñeiras e
a xente ruxía e ruxía ata o ceo como diría Castroviejo.
Desde aquela, o “San Vir-Elas” ten a súa festa na primeira semana de
agosto. Eu agardo o día no que o “San Vir-Elas”, aínda que sexa quedando fora
da porta de Igrexa, teña a súa misa malia o seu enxebrismo, e a quen o pobo llo
deu o Señor o bendiga.
Feito polo devoto do “San Vir-Elas”
LUIS RIOS DOPAZO
Ningún comentario:
Publicar un comentario