01/11/20

O alcalde de Bueu detido en Pontevedra

 Comezar dicindo que as motivacións da detención do alcalde son estritamente políticas. Son momentos convulsos da política nacional onde a inestabilidade social, económica e de goberno  manifestase sen pudor na represión do contrincante ou adversario.

A alternancia, e ata cohabitación, entre políticos de distintas sensibilidades é unha constante o que, con outros ingredientes da época, levounos a exercer unha represión “rotativa” entre os dirixentes e partidarios das tendencias liberais dominantes (moderados e progresistas).

Como podedes supoñer estou a falar dunha época ‘algo’ distinta á actual. Deuse na rexencia de María Cristina, e máis concretamente no ano 1839, xa cando comezaban as revoltas populares que provocarían a renuncia da Rexente e a ascensión de Espartero.

O alcalde de Bueu era dende o 3 de xaneiro, Manuel González, natural de Cela. Sabemos que estivo retido na Axudantía de Praza-Fiscalía Militar da Rúa Real nº 4 de Pontevedra o 7 de agosto de 1839 por orde do Capitán Xeneral do Exercito e Reino en Galicia, por tres oficios que o Fiscal militar de Pontevedra, Santiago Cobas lle remitiu a o Señor Rexidor 1º do concello de Bueu, D. Domingo Ferradás.

Nestes oficios reclamaba (6-8-1839) “a fin de practicarlles certas dilixencias” a presentarse na súa casa de Pontevedra a Matias Freire (Mordomo de Stª Mª de Cela) e Salvador Martí (salgadeiro en Beluso, alcalde no ano 1838 e agora concelleiro).

No segundo oficio (7-8-1839), de forma urxentísima:”Siendo las tres de este día y su tarde; sin haberse presentado en esta Matías Freire Mayordomo del Sta María de Cela y Dn Salvador Martí de Beluso, según se lo prevenía en mi oficio de ayer; y como se halle detenido en esta el Alcalde Presidente de ese Ayuntamiento, se hace indispensable que sin pérdida de momento se presenten los sujetos especificados, bajo su más estrecha responsabilidad caso de detención.

Ao parecer tras este requirimento e “chantaxe” puido saír o Alcalde libre, xa que o día 21 dese mesmo mes o cita para que o día 26 acuda a Pontevedra, na compaña de Manuel Fernández Ramos (abade de Cela) para notificarlles una Providencia.


 


Ningún comentario: