01/12/20

Cando a salga vai mal

No maxín de moitos está que a industria da salga foi durante anos unha industria florecente na que o traballo non faltaba, tanto na terra como no mar. A idealización deste tipo de actividade ven dada pola grande cantidade de xente que empregaba directa e indirectamente, polas salgas e outras construcións de tipo suntuario  e, sobre todo, polo estilo de vida e status social dos seus propietarios.

A realidade foi máis diversa, e houbo de todo en todas as épocas onde era habitual esta actividade (s. XVIII ao XX). A dependencia da presencia ou non do peixe, fundamentalmente da sardiña, na nosa costa; a liberdade de movemento do transporte marítimo, dificultado polas guerras ou pola actividade corsaria, ou pola irrupción de novas técnicas de conservación dos produtos farán máis visibles eses altibaixos.

A Roiba-1920

Por mencionar dificultades no mundo da salga en Bueu porei, a modo de mostra, tres exemplos:

-          Juan Domenech, para facer fronte aos gastos ocasionados pola fábrica de salga que posuía no Porto de Figueirón (Beluso) ten que pedir un crédito hipotecario  de 7.500 pesetas á sociedade “Salvador Massó e Hijos”. Ao non podelo satisfacer queda sen a salga, ano de 1888.

-          Tomás e Narciso Galup con varias salgas en Bueu e Beluso precisan un préstamo hipotecario sobre o almacén na praia de Bueu (Pescadoira) ante Ramón de Castro e Josefa Patiño da parroquia de Alba. Ao non redimilo quedaron sen el, ano de 1845. No 1850 pasaría, por venda dos Castro Patiño, a mans de Francisco Tapias.

Escribán Benito de Arís

   Pedro Pastoriza, construtor da Roiba, xa comezara con mal pé a obra desta fábrica de salga pois fora denunciado (1811) ao considerar os veciños que edificara parte da mesma en monte comunal. Para sobrevivir, por causas das perdas, a partir de 1814 ten que alugala. Pero en 1817 os seus empregados de terra (salga) e de mar (lanchas da arte) preitean no xulgado Ordinario de Cangas para reclamarlle os xornais que lle deben de toda a ceifa da sardiña. Anulado ese xulgado temos, en Xulgados de Pontevedra, aos traballadores en 1821 coas mesmas reclamacións dos seus salarios de 1817. De cobrar, o cobrarían avogados e xuíces?.  No poder que os traballadores lle dan a uns procuradores para que os representen no xulgado, acalaranlles que de gañar o xuízo cobrarían 1/3 do reclamado e no caso de perdelo, nada.


Ningún comentario: