19/11/22

Boxeo en Bueu (II)


Ismael Otero
Manuel García Pereira, no mundo do boxeo “MachínBarrena”, no primeiro e case único sitio onde foi pelexar fóra de Bueu foi á parroquia vilagarciá de San Xens de Bamio. Foran el e Ismael Otero, cada un na súa categoría. Ismael sendo máis xove que Bobby era de categoría superior. Gañaron, cada quen na súa categoría. Bobby gañou 10 pesos (de peseta) que repartiron para pagar os guantes e material que precisaban no “club” de boxeo. Ismael, que era moi xove pero moi musculoso, era o xefe.

Onde se adestraban e boxeaban era nunha casa[1] pegada á salga da Requisa na subida a Can do Penedo (á dereita, fronte ao antigo taller do Chisco).

Local: A casa era de Cachote o vello (¿?). Onde adestraban tiñan fotografías (de xornais e revistas) de boxeadores como Uzcudum, para eles ídolos do momento. Había unha pancarta que puña “CLUB GIMNASIO BOXEO”. Tiñan unha báscula de pesar o polbo que era de Manuela Rúa Piñeiro (avoa de Miguel Loira) que lle arranxara Ismael (pois estaba estragada). Para pelexar había que pesar cunha diferencia de 5 kg máis ou menos en cada categoría. Se pesabas 60 non podías pelexar cos de máis de 65 kg.

Manuel García 'Machínbarrena'

Eramos afeccionados. Facíamos como ‘pachangas’.       

Dos que participaban boxeando:

Xefe: Ismael Otero ‘O Chisco’

2º xefe: Manuel García Pereira.

Xuíz: Agustín González, de Nacidas

Outros:

- Pepe Méndez Gallego  (da Graña):  “era forte”

- Jaime Portela Bravo ‘Carraxón’ “era alto e limpo pegando, moi fino” (levaba a contabilidade na oficina de Apolinar). Pelexou con Bobby

- Jaime Blanco González ‘O Isleño’

- Servilio Buceta

Un día do Carme estaba programado un combate na Boca da Vereda (cruce Montero Ríos-Eduardo Vincenti) pero morreu D. Ramón Otero, pai de Ismael o día antes, polo que se suspendeu. No enterro foi unha banda de música.

Boxeador de Beluso
 Aos combates ía moito Misina a vella... Tiña dous barcos, un deles co nome do boxeador Maxbaer[2].

A xente pagaba a vontade para ver as veladas de boxeo. Cando a puxemos a 3 pesetas non foi ninguén.

Fóra do boxeo: Os Carreteiros de Beluso retaron un día a Ismael Otero “Ese matón que veña para acá”, e levaron unha tunda

Ring…. As veces como o chan era de sabre escavaban ao redor  para que o centro quedara un medio metro máis alto e así podía mirarse mellor.

Guantes e sacos de boxeo... comprábaos Ismael. Co que se sacaba, pagábanse.

O fillo de Cerviño, Toñito, irmán de Suso, era alto y rubio, y quería aprender a boxear. Pelexaron e como era dos Cans da Praia[3] o Bobby doulle unha tunda que o deixou marcado. Bobby tiña 16 anos e el tres ou catro menos. A consecuencia do cal o pai reclamaba “Ese fillo de Barrena, non ten corazón,…

Logo meteuse a federación, veulle mirar as instalacións, pero había que pagar para federarse e o único que seguiu foi Ismael. Tivo un combate en Vigo que perdeu e en Pontevedra que gañou.

Bobby deixou porque foi para a Marina. Aínda que tamén boxeou unha vez, cando facía instrución na armada, cun rapaz de Canarias ao que gañou.

Segundo me conta Bobby, pelexaba moito pola fame... Na casa de Ismael tiñan pan de broa...

Casa - clube de boxeo na Banda do Río
 

 

 

Nota: Información obtida nunha charla que o 30 de marzo deste ano tivemos na da Viúda co amigo Manuel García Pereira “MachínBarrena”, hoxe coñecido como Bobby, a quen agradezo a súa disposición para contar...



[1] Onde hoxe en día están os pisos de Can do Penedo, lindando co parque infantil da Banda do Río.

[2] Max Baer, campión de Peso Completo. Nados en Nebraska  co nome de Maximilian Adelbert. De talante simpático pero de grande agresividade no ring.

[3] Denominación que lle daban áos rapaces que vivían dende o río Bispo (a de Gabriel, hoxe hotel Incamar) ata comezar Pescadoira .

Ningún comentario: