08/09/24

Carlos e Xosé Velo
O número das personalidades da política, das artes e da cultura en xeral que nalgo máis da primeira metade dos anos trinta do s. XX andaron por estas terras de Bueu, e máis concretamente por Beluso, foi amplo e bastante relevante. Dende colectivo O mar por diante demos en dalos a coñecer como  o Grupo de Bueu. De cando en vez, por achados de distintas procedencias, temos o pracer de aumentar e documentar a algún membro máis. Hoxe é un deses días. Se na Entrada pasada engadimos ao músico e compositor Luís Brage, agora teño que facelo cun curmán do cineasta (guionista, director...) Carlos Velo Cobelas, tamén pertencente ao Grupo de Bueu.

Xosé Velo Mosquera
Estou a falar de Xosé Velo Mosquera. Si, Xosé Velo Mosquera (1906-1972), moi coñecido por ser un dos que artellou e realizou o secuestro en 1961 do transatlántico portugués Santa María. Pero tamén, sobre todo nas terras de Celanova onde naceu, como organizador das Mocidades Galeguistas e, con posterioridade xa no exilio por terras americanas, tamén o DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) que aglutinaba a galegos e portugueses (H. Delgado, H. Galvao...) opositores ás ditaduras española e portuguesa.

Pero máis que sinalar a súa biografía ou matizando o seu perfil humano, cultural[1] e político[2] o que quero mencionar é a súa presenza e relación con Bueu.

Rómulo Gállegos e amigos en Beluso
Abril de 1935, sabemos que fora nomeado integrante  do Consello Nacional das Mocidades Galeguistas e por eses días casou con Jovita Pérez. Descoñecemos cal dos dous motivos o trouxo ese ano pola Praia de Beluso. Inclinámonos que por ser integrante do Consello das Mocidades Galeguista pois coas persoas que hai constancia que estivo foron un grupo de intelectuais e políticos venezolanos liderados polo escritor Rómulo Gállegos[3] e quizais ao través destes co compañeiro de Maruja Mallo, Alberto Fernández ‘Mezquita’ dirixente no POUM (Partido Obreiro Unificado Marxista).  Proba da relación son as fotografías en 1935 que de Rómulo e o seu grupo na Praia de Beluso foron feitas por Xosé Velo Mosquera e están no seu fondo do Museo de Pontevedra.

Outras coincidencias curiosas con este personaxe e Bueu (directa o indirectamente) son:

Seu primo Carlos estivo filmando no 1936 tamén pola Praia de Beluso e coñeceu aos Gállego e amigos...

A familia Velo emparentará coa familia bueuesa Bares. O fará en terras americanas ao casar Josefa Bares Cantabous con José Velo Temes.

Xosé Velo Mosquera como organizad

Xosé Velo con Julio Formoso

or do DRIL tiña unha relación moi fluída con Julio Formoso que era xornalista e xefe de comunicacións desa organización. Tamén pai do mozo, que vivira no pazo do Casal de Bueu, que fora á escola de D. Julio na Graña, con amigos que o lembran... chamado Xulio Formoso[4]... 

Quizais por iso din que o mundo é un pano!



[1] “Profesor e poeta” reza na súa esquela.

[2] O podedes facer ao través das publicacións de Aser Álvarez, Antonio Piñeiro e outros.

[3] Con posterioridade sería presidente de Venezuela.

[4]Un amigo, Paco Rodríguez Pastoriza, falando de Xulio Formoso nunha charla no 2020: https://youtu.be/HCBU_7ez7Ao

01/09/24

Non é a primeira vez[1] que falo desta pequena peza musical, pero si dende o punto de vista do autor e como reclamo para rescatalos do esquecemento.

Luís Braxe.

Luís Rafael Brage (Braxe) Villar (1886-1959), músico e compositor galego e director de bandas de música como La Lira de Ribadavia. Moi coñecida a súa música, a destacar a rapsodia galega para bandas, Follas novas,  pero non tanto ao músico por razóns que mencionaremos.Pois ben, Luis Braxe[2] foi un dos personaxes que poderíamos engadir ao que os amigos de O mar por diante demos en chamar “Grupo de Bueu”: Rómulo Gállegos, Maruja Mallo, Mezquita,  Carlos Velo, José Suárez etc. todos eles relacionados coa literatura ou as artes no seu máis amplo abano e que nos anos trinta do século XX pasaron pola praia de Beluso.

Descoñecemos a relación de Luís Braxe con todos os mencionados eos que non: Gonzalo Torrente, Federico Ribas, Johan Carballeira...  Ideoloxicamente encaixaba con todos eles, era un activista cultural e, por enriba de todo, republicano, o que lle supuxo anos despois ser condenado “a morte, logo o cárcere e, finalmente, o ostracismo oficial e, na práctica o remate da súa carreira oficial”(Ferreiro, 2020).

A súa consideracións ideolóxica non foi obstáculo para que nas súas vacacións en Beluso mantivera unha boa relación coa familia Lago-Carballal, propietarios de salga e conserveira en dito porto. Na súa estancia do 1933 escribe unha pequena peza para ser estreada no Salón (Baile) Guerra  na Ruanova de Riba baixo a dirección de Salvador Lago Carballal, da man de “Xuventude Católica” que por esas datas dirixía seu irmán Francisco Lago.

 

A peza leva o título Belusana[3], da que saibamos[4] non se conserva a partitura orixinal, é unha muiñeira  da que Luí Braxe compuxo música e letra[5], e que o seu biógrafo David Ferreiro clasifica como composición de Música de cámara e de salón[6].



[1] A última no libro Bueu. Outra maneira de soñar: Historia do cine e do teatro. Edit. Concello Bueu, 2024.

[2] Na grafía do cartel no Beluso de 1933.

[3] Rexistrada no SGAE co mesmo nome.

[4] Pode que algunha copia desaparecese como refugallo cando se tirou “case todo” das casas dos Carballais. Manteremos a luz acendida para ver se aparece algún día!

[5]Aínda que a Muiñeira é esencialmente instrumental, atópanse algúns temas con letra que canta un coro ao unísono da gaita” (Espinosa, 1940).

[6] Luís R. Brage Villar. Obra e memoria de David Ferreiro Carballo. Enlace para baixar o libro en pdf: https://consellodacultura.gal/mediateca/extras/CCG_2020_Luis-R-Brage-Villar-Obra-e-memoria.pdf