21/11/13

Bueu e a "Violencia de xénero"

Ante o 25 de novembro “Día Internacional contra a violencia de xénero” que se conmemoran dende 1999 avalado pola ONU[1]  Quero aportar, a título de exemplo,  evidencias desta lacra no Bueu do pasado, que espero non ilustren o presente, e mostrar a valentía para afrontar o problema dalgunhas mulleres a pesar de vivir nunha sociedade machista. 

Para comezar a petición de divorcio (saída natural)  que a todo transo está disposta a enervar ante calquera Tribunal competente xa que non quere e “non pode por mais tempo vir soportando o maltrato frecuente que na súa casa recibe” por parte do seu marido, sogra e cuñada[2]. Esta decisión, sempre difícil, vese complicada polas datas da que estamos a falar (verán do 1868) e pola posición social da demandante (muller de salgadeiros con varios almacéns ou fábricas de salga en Marín, Bueu e Beluso).

Varias máis son as demandas de separación e divorcio e todas elas precedidas de execrables vivencias por parte das mulleres que as presentan. Tal é o caso tamén de Pilar X. X. que no novembro do 1885 acusa[3] ao seu marido Antonio Z.Z. “por ser público e notorio lle prodiga constantemente maltrato de obra e de palabra máis cruel a ameaza con frecuencia de privarlle da vida…”.  Describindo a continuación actos vandálicos por parte do seu marido que de non mediar outras persoas poderían haber acabado coa súa vida. Nos feitos denunciados expóñense ata máis de sete ocasións de maltrato e de perigo para a súa vida na que había testemuñas que impediron o fatal desenlace. E como non podía ser doutro xeito (xa que se da en case  todos os casos) o marido di “que sempre a tratou con consideración e cariño non habendo mediado máis diferenzas entre os dous que esas pasaxeiras e insignificantes que ocorren en todos os matrimonios e que deron marxe ao adaxio aquel ’que no hay casa mantenida que no sea reñida’ Polo tanto o expoñente non pode recoñecer na súa muller dereito algún para separarse del, posto que non existe motivo de ningunha clase para caso tan extremo e lonxe, diso chame neste momento á súa muller ao orde para que cese de promover actos desta natureza que teñen que redundar en prexuízo dela e tamén dos fillos… ”. 
Vaia elemento!

E, como un exemplo máis das múltiples casuísticas, dicir que se da o caso[4] de acusación ao seu marido por insultos e imputacións falsas de incesto. Chegado o  momento conciliatorio previo a entaboar querela criminal para a solicitude de divorcio ámbalas dúas partes recoñecen a súa culpa e provocacións. O que “ambas partes manifestan que se perdoan reciprocamente” facendo no mesmo acto, en documento[5] extraxudicial, o reparto equitativo dos seus bens[6].

Quero expresar a miña solidariedade con todas as mulleres que sofren violencia de calquera tipo!


[1] Xa que dende xullo de 1981 o 25 de novembro fora declarado día “Internacional contra a Violencia cara a muller” no 1º Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe celebrado en Bogotá (Colombia).
[2] Destas últimas, a parte do maltrato, “ata o extremo de escasearlle o alimento e ter que mendigalo fora da casa
[3] Antes de interpoñer demanda de divorcio no Tribunal Eclesiástico da cidade de Santiago
[4] Como o ocorrido na parroquia de Cela nos primeiros días do ano 1911.
[5] Facéndoo por duplicado e levando cada un copia do mesmo.
[6] Tanto parafernais e outros da muller como da Sociedade conxugal

Ningún comentario: