10/07/14

Bandidos asaltan a casa do cura de Bueu



Estes días está a ser noticia en todos os medios de comunicación o asalto con lesións e roubo ao cura de Esgos. A coincidencia non é máis que iso xa que esta segunda entrega de bandidos[1]ou bandoleiros no noso concello[2] leva programada para estas datas máis dun ano.

Dende finais do s. XVIII e primeira metade do s. XIX constátase un aumento do número de pequenas bandas de delincuentes que actúan en zonas máis ou menos amplas realizando asaltos coa, finalidade de roubar, pero que moitas das veces acaban con mortes.
Non hai documentación procesual que incrimine a individuos das nosas parroquias[3] coma pertencentes neses grupos aínda que non hai que descartar que houbera certa complicidade dalgúns elementos tanto para sinalar obxectivos coma para facilitar o atraco non poñendo dificultades ou mesmo non acudir ante a alarma ou petición de auxilio por parte dos prexudicados. Isto parece ser que foi o que ocorreu ao finais do xullo de 1817 cando un grupo de sete homes comandados por Fernando Serén, desprazáronse nun barco[4], dende Portonovo ata a praia de Beluso co propósito de achegarse pola noite ata a casa do abade de Bueu (1806-1821) D. José Benito Pazos de Provén. O cura e familiares daban berros para que acudiran os veciños con axuda pero o silencio era total e, como el mesmo constata na súa declaración[5], negáronse a socorrelo.

O párroco non só o tivo que pasar moi mal polo feito de ser aldraxado, roubado,... ou abandonado polos seus fregueses, senón que o temor a ser asasinado era real como uns anos atrás lle ocorrera ao cura de Aldán a mans da banda de Benito Fontenla.



[1] A primeira era: “Bueu: bandidos no monte Borrallido” do 1/5/2013 que pode verse no seguinte enlace http://acidras.blogspot.com.es/2013/05/bandidos-no-monte-borrallido.html
[2] Beatriz López Morán estudou a actividade bandoleira na Galicia e que publicou, entre outros, no libro “El bandolerismo gallego en la primera mitad del siglo XIX” A Coruña: Ediciós do Castro, 1995
[3] Como excepción estaban a banda de Juan Manuel Varela “O Tuno” e facción, en Cangas do Morrazo” de Benito Fontenla.
[4] Probablemente contratado para tal fin.
[5] Causas 108/1 no Arquivo do Reino de Galicia

Ningún comentario: