25/01/15

A Biblioteca Popular de Bueu - II

Non é de estrañar que algún amigo me dixera: “Miña nai gustaba de ler moito. Con 95 anos “devoraba” un libro tras outro. Onde comezou a ler así foi, cando nena, grazas á recen inaugurada Biblioteca Popular”. E esa non foi unha excepción varios amigos, todos eles nonaxenarios, comentáronme experiencias similares.
No cabe dúbida de que a Biblioteca popular foi un revulsivo importante para a cultura bueuense sobre todo en épocas onde o acceso a un libro estaba vedado para as clases máis desfavorecidas, que eran maioría.
Sendo alcalde Camilo Davila Davila prantexase a necesidade da creación dunha Biblioteca Popular (4-10-1926) e se lle asigna oco para a mesma: No baixo do concello. Para facilitar os trámites, ao estar alugado o local, nunha sesión ordinaria do Pleno Municipal (1-12-1926) requírese ao inquilino “D. Domingo Tomé González para que o trinta e un días do decembro actual deixe a disposición do Concello a estancia baixa da Casa Consistorial”.
E será o día 7-10-1927 cando o alcalde promotor da mesma inaugure oficialmente a primeira Biblioteca de Bueu. Primeira, primeira,… quizais non[1]. Á inauguración asistiron todos os nenos e nenas das escolas nacionais e do Pósito de Pescadores que “admiraron contentísimos  a sección infantil, na que figuran numerosos tomos de contos artisticamente ilustrados...”. Comezou cun catálogo de máis de 500 volumes.


[1] Como xa saberedes pola entrada no blog do 15 de outubro de 2012, en xuño do 1889 foi adxudicada unha Biblioteca popular á Escola Pública de Bueu onde os libros adxudicados foron repartidos entre as escolas que nese momento existían en Bueu

Ningún comentario: