No ano 1885 o alcalde do concello de Bueu, Jaime Bolíbar,
encargou a D. Jenaro de la Fuente y Domínguez[1]
un Proxecto[2] para o abastecemento de
augas para o núcleo da vila. A xustificación do mesmo ven dada pola
infradotación deste prezado líquido que ven a padecer este pobo xa que nese
momento non posúe máis auga potábel que a subministrada por “un pequeno caudal que case que desaparece
durante a estiaxe e está situado entre unhas rochas do lado Oeste da costa moi
afastado, polo tanto, do núcleo de poboación por onde o aproveitamento faixe
moi difícil e imposíbel durante as horas de preamar. Como consecuencia de tan
deficiente situación os veciños teñen a necesidade de acudir a algún que outro
propietario dun pequeno manancial ou pozo...”
Do manancial atopado “no extremo recto do camiño de entrada á Vila que forma unha verdadeira
e ben aliñada rúa e que haxa necesidade de percorrer para ir á igrexa”. Fala
da rúa Canibelos onde a poucos metros do actual Ramal dos Galos estaba a “Boca
da mina”. Proxecta a ampliación e perforación da mesma nuns 100 metros (de 0,70
x 1,20 m.) cunha estimación de aproveitamento dun caudal de 1.028,57 l/h. Onde a
lonxitude da canalización sería de 341,5 metros e o importe de toda a obra
ascendería a 8.160 pesetas.
Na memoria da obra xógase co número de habitantes de
Bueu (1620 h.), dos veciños afectados (697) e poboación residente na praia
(127) para facerlles corresponder aos futuros usuarios a 32 litros/persoa. Para
o cal á veciñanza da praia abasteceríase dunha monumental fonte proxectada na
rúa Montero Ríos fronte á Eduado Vincenti (Preto da actual Praza de Abastos)
que se elevaría “nunha especie de praciña ou explanada” .
Dita fonte non se fixo nunca e a obra tardou anos en ser de novo licitada.
[1]
D.
Jenaro de la Fuente y Domínguez (1851-1922), valisoletano que exerceu como
“mestre de obras” nunha grande cantidade de proxectos que se realizaron na súa
época na capital olívica e en concellos limítrofes. Foi Director Facultativo da
Obras municipais de Vigo así como profesor de debuxo, etc.
No debemos confundilo co seu fillo, Jenaro de la Fuente y Álvarez,
arquitecto que construíu o estadio de Balaídos.
[2] Logo ratificado polo arquitecto Antonio Crespo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario