13/12/15

Pontes e rampla do Pazo do Casal de Bueu

Falar da Casa-Torre do Casal, ou Pazo do Casal, “dos Picos” ou da Graña é falar das antigas fidalguías baixomedievais na comarca do Morrazo.
Atribúeselle a súa fundación, no século XV, á familia dos Fernández Aldao cuxos descendentes serían propietarios do mesmo ata o ano 1914[1].
A estrutura da casa-pazo variou dende os seus inicios que foran coma “torre grande con troneiras e ameas e outros instrumentos para a súa defensa e un foso”. No mesmo documento[2] onde aparece a descrición anterior fala de que todo fora derrubado polos señores da Torre de Meira e Darbo.
Posteriormente foi levantada a estrutura principal, sobre a base do que fora a torre. A casa seguiu a sufrir modificacións ao longo do tempo: fundouse unha capela[3] agora integrada na casa principal, engadíuselle a ampla terraza que da ao poñente,...
Mais hoxe o que quero sinalar son algunhas notas acerca duns elementos actualmente  desaparecidos que aínda están na memoria dalgúns: As pontes que unían as dependencias superiores da casa coa estrada Bueu-Cangas e rampla que daba á mesma estrada.
En canto a unha Ponte de pedra:
  No 1883, Don Joaquin Aldao Sarmiento[4] demanda a Benito Quinteiro, mestre de cantería de

Meiro, para que devolva 40 pesetas que se lle anticipou por conta da pedra para a construción da Ponte de entrada na dita torre que tiña encargado o Sr. Aldao. Tamén lle pide que lle pague 2000 reais (500 pesetas) que lle costou ao Sr. Aldao o almorzo e xantar co que tivo que dar a 22 “labregos distinguidos” que levaron a pedra desde o monte Borrallido á casa Torre como á Benito Quinteiro e outro canteiro.
Reclámalle que retire a dita pedra por non reunir as condicións legais e moito menos as estipuladas, inútiles para a construción da devandita ponte.
Esta ponte pode referirse ao que hoxe é parte da terraza posterior e que no seu momento tiña unhas escalas que servían de entrada nobre ou principal desde a parte interior do circundado.
En canto a rampla de entrada á finca:
No 1929 o propietario Miguel Costas pide autorización, ao través da alcaldía, a Obras Públicas de Pontevedra para que lle sexa autorizado “construír unha rampla de acceso dende a súa casa do Casal, á estrada de Pontevedra a Cangas no seu quilómetro 19 hectómetro 7, marxe dereito”.
En canto ás Pontes de ladrillo e cemento:
Realizadas nos anos trinta do século pasado polo mestre albanel Baltasar Buceta. Eran dúas pontes ou pasos elevados feitos de ladrillo e cemento. Localízanse na fachada leste do edificio permitindo o paso, directamente, dende a estrada Pontevedra-Cangas ata o primeiro andar do pazo. Ambos elementos permaneceron operativos ata os anos setenta do século pasado.

Ponte –A: Con balaustrada de ferro forxado e estrutura algo abovedada. Chegaba a unha porta que había no lugar que agora ten a segunda ventá, comezando pola dereita. Accedíase ás dependencias principais da casa-torre.
Ponte –B: Con balaustrada de cemento. Situada na estrema esquerda da torre ameada, correspondéndose coa zona da actual última ventá. Daba a unha porta pola que se accedía a unha pequena estancia que tiña uns pasos de escala que permitían o acceso á tenda-comercio[5] que ocupaba o que fora no seu tempo capela.
Da parte dereita da balaustrada, xunto á porta de entrada, baixaban unhas escadas cara a finca.




[1] Foi da familia Aldao ata que o 18-1-1914 foi mercado por Miguel Costas Acuña, logo herdouna seu sobriño Jesús Fernández Gutierrez, tamén viviría nela Julia Fernández co seu fillo Xulio Formoso Fernández (músico, pintor, xornalista,... desde inicio dos anos cincuenta ata 1965 que marcharon para Venezuela),…e logo sería adquirido polo médico Manuel Otero García. Sinalar que tamén viviu, durante uns poucos anos (ata o 1972) a familia de Agustín Gutierrez.
Os usos do pazo foron fundamentalmente residenciais pero ao longo do tempo tamén complementouse con outros: no 1905 estaba alugado ao concello que o utilizou durante un período curto coma xulgado municipal; alugado como “casa rural” como no verán do 1925; tamén houbo tenda; no 1930 tiña un local a banda de música (pois lle retirara o que tiña o concello),...
[2] Dilixencias previas para a executoria de fidalguía de Jerónimo Fernández de Aldao (1670)
[3] Alonso González de Moaña levantou a capela no ano 1473.
[4] Tío-avó do ilustre escritor Victor Said Armesto (que pasaba tempadas nesta casa cós seus avós)
[5] Aberta a primeiros do mes de xaneiro de 1930 coma “comercio de viños e comestibles” e nalgún tempo o Sr. Miguel tamén despachaba “materiais de construcción” que almacenaba na finca do pazo. Os últimos que rexentaron esta tenda foi a familia de Ramón Blanco e Antonia Barreal.

Ningún comentario: