01/01/16

A empresa Massó reclama a un obreiro portugués expulsado de España



Non é normal que unha empresa poña todos os mecanismos de presión ante a maquinaria do Estado na defensa dun dos seus traballadores e máis difícil que isto se dea en momentos convulsos de guerra e da posguerra.
Pois na empresa Massó Hermanos isto deuse cun obreiro de orixe portugués[1] chamado Manuel Da Cunha.
Ao citado obreiro acusábaselle de seren Vicepresidente da “Sociedade de canteiros e similares”, cargo para o que fora nomeado sen a “súa presenza nin consentimento, pero é notorio que dito cargo non chegou a desempeñalo, a pesar das ameazas para impedirlle a seguir traballando e contra a súa integridade persoal.[2]
A pesar de que o obreiro Manuel dende o primeiro momento adheriuse á “Revolución Nacional Sindicalista” [3] foi decretada unha orde de expulsión do territorio español por figurar no seu expediente policial “haber sido nomeado vicepresidente dunha Sociedade obreira sendo súbdito estranxeiro”.
Contra esa orde recorreu a empresa Massó ante o Gobernador Civil que autorizou a volta a España do obreiro (1939). Orde que foi revocada posteriormente polo Ministerio de Traballo. Ante este longo proceso e devir os responsables da empresa Massó deciden acudir directamente ao ministro de Asuntos Exteriores explicándolle todo e “declarando solemnemente que é un bo obreiro e traballador excelente, que xamais deu motivo á máis pequena reprensión, sendo os seus servizos moi necesarios, xa que figuraba ultimamente como capataz de obras, moi difícil de substituír nun pobo tan pequeno como Bueu, e das 1.500 persoas que ten actualmente ao seu servizo, figuraba entre os máis capacitados e de absoluta confianza”. 


 Fontes de información: Manuel Aldao e oficios alcaldía 1939


[1] De Vila de Punhe, Barruzelas (Distrito de Viana de Castelo)
[2] Por todo o cal habíaselle imposto unha multa de 500 pesetas o ano 1936, da que levaba pagado 10 pesetas cando comezou a guerra.
[3] Sendo militante da C.O.N.S. dende o 12 de febreiro de 1937

Ningún comentario: