01/11/17

A Illa de Ons punto de encontro internacional na Guerra de Independencia



Juan José Caamaño Pardo

O día 1 de marzo de 1809, vinte sete días antes da liberación de Vigo do exército francés, o Conde de Maceda, Juan José Caamaño Pardo[1], reúnese co comandante inglés Jorge Me Kinley en augas de Ons. O fixeron a bordo da fragata Lively[2] que levaba un tempo nas augas insulares á espera de obter información da actividade da resistencia galega contra as tropas francesas.  
E segundo recolle a acta da reunión esta foi moi esclarecedora para o goberno inglés xa que recibían de primeira man información da situación e intencións do exercito que tentaba Reconquistar o Reino de Galicia. Consecuencia desta xuntanza foi a correspondencia e intercambio dunha constante información entre ambos exércitos.

Certificado orixinal, e Copia de tradución ao idioma español, do documento honorífico, do Comandante da Fragata de S. M. Británica Lively á favor de S.E. o Conde de Maceda, na gloriosa causa de S. M. o Señor D. Fernando VII, e Reconquista do Reino de Galicia. Maio 19 de 1809.
Tradución dun Certificado en Inglés entregado á S. E. o Conde de Maceda polo honorable Jorge Mª Kinley Comandante da Fragata de S. M. B. Lively, estando fondeada no Porto de Vigo desde a reconquista de dita Praza[3], e seus Castelos, polas armas de S. M. o Señor D. Fernando VII, e é do tenor seguinte:
Fragata S.M. Británica Lively fronte a Ons
No primeiro día de Marzo de 1809 veu á bordo da Fragata de S. M. B. Lively baixo meu mando na Illa de Ons; a súa Excelencia o Señor Don Juan Josef Caamaño, Conde de Maceda cos planos de operacións para a dirección dos Patriotas Galegos, os que, en varios lugares, alzaran as armas contra a opresión dos franceses, que posuían as principais Cidades e Fortalezas do Reino, e foi S. E. o Sr. Conde de Maceda a Primeira Persoa que me deu as mellores informacións de todo o Estado dos Pobos, de maneira que foi tan celoso na causa de Fernando VII, que foi o móbil de liberar o seu País del xugo do vil usurpador Bonaparte; que inmediatamente mandei pregos para meu Goberno, e tiven a honra de continuar a corresponderme desde entón coa S. E.; do cal resultou que a causa Patriótica foi en aumento: estou tamén certo por meu propio coñecemento que nin fatiga de corpo, nin de espírito foi omitida en moitas críticas, e perigosas situacións que rodearon á S. E. na causa gloriosa.= Dado da miña man e selo a bordo da Fragata de S. M. B. Lively.= Vigo 19 de Maio de 1809.= Jorge Me Kinley.


[1] Juan José Caamaño Pardo (Ferrol 1761-Madrid 1819). Membro da Xunta de Defensa do chamado “Reyno de Galicia”. Defensor destacado das ideas e institucións do Antigo Réxime. Belixerante contra as tropas francesas, contra os “afrancesados” e contra os liberais...
[2] Este mesmo barco, na compañía doutros tres, atacaron o 5 de outubro de 1804 a unha pequena escuadra de catro embarcacións españolas que viñan cargadas de ouro e prata de terras americanas. Curiosamente por esas datas as mariñas inglesa e española non estaban en guerra. Consecuencia deste ataque afundiuse unha fragata española (Mercedes) fronte ao Cabo de Stª María (Portugal) e as outras tres foron apresadas.
[3] 28 de marzo de 1809 día en que derrotados os franceses abandonan pola Porta de Gamboa a cidade de Vigo.

Ningún comentario: