17/10/17

Beluso: As forzas da natureza asáñanse coas campás da igrexa


Curiosamente o mal tempo cebouse, en distintos momentos da historia dos últimos 150 anos, coa igrexa de Beluso e máis concretamente coas campás.
O primeiro desastre que nos chega[1] ten como data o ano 1803 no que por mor da desfeita dunha tempestade (ciclón) tense que  repoñer a vidreira da igrexa da capela maior.
Case que trinta anos despois, no 1831, volve a haber danos na igrexa. Esta vez na campá maior.
Os veciños e cura ecónomo de Beluso escriben ao arcebispado para solicitar axuda para refundir a campá estragada.
Posteriormente o Secretario da Cámara do Arcebispado de Santiago escribe ao cura párroco de Bueu pedíndolle un informe dos danos e prioridade das necesidades da parroquia veciña. Este lle resposta cunha carta na que confirma as necesidades da parroquia de Beluso:
“S. refundir unha Campá
En data 25 de maio próximo pasado informei a V. S. o que sigue =
En contestación ao oficio de V.S. data 1os do que rexe, por o que de Orde do E. el Arcebispo meu señor se me prevén, diga se é certo o que expresa o cura ecónomo e veciños de Stª Mª de Beluso de haberse roto e posto inservible a Campá Maior quedando soamente unha pequena que non se oe en toda a parroquia e que ditos veciños pola escaseza dos tempos non teñen con que costear a fundición doutra campá capaz: Debo manifestar ao V. S. que todo canto ditos veciños representan é a pura verdade e que case todo, ou a maior parte a lo menos están bastante miserables, sen ter quen lles socorra nas súas necesidades por non ter cura párroco e estar vacante aquela parroquia fai moi cerca de catro anos. Tamén é certo haber cobrado da Conta  vacante os 3.433 rrs por as cales razóns me parece ser xusta a súa pretensión; só sei de que a campá sexa do mesmo peso que a que está inservible […] É verdade que o retablo do Altar Maior áchase un pouco vello sen embargo de que me parece aínda subsiste decente por algún tempo; ademais de que a metade da herdanza do defunto cura, despois de que de toda ela se paguen os danos ao vindeiro, que deben ser poucos, deixouna para dita Fábrica, e con seu impte (importe) sempre que fora necesario, se poida reparar o referido retablo.
É Todo o que podo informar….
19 de xuño 1831
Andrés Pérez Lapido
  Pasados pouco máis de 50 anos, concretamente o 15 de decembro do ano 1886, un ciclón tira o campanario, teito e tribuna da igrexa. Racha a campá, esta vez a menor, e dous confesionarios. Dana parcialmente as paredes laterais e o arco toral (no presbiterio). A reparación ascende a 2.741 pesetas (cantidade moi elevada para a época).
E o azar volveu a asañarse coa parroquial de Beluso. Foi no 1926 cando un raio estragou a campá e parte da fachada.



[1] Da man de Carlos Vázquez Marinelli na súa “Guía didáctica da arte no Morrazo”


Ningún comentario: