01/01/18

O cura de Beluso avisa aos fregueses con foguetes

Botan foguetes na Carrasqueira, na Banda do Río,... felicítannos o Aninovo... Eu fago o mesmo aos amigos que seguides o blog do que pronto chegaremos ás 100.000 visitas (nas tres versións, dúas en  galego e unha en español).

Aproveito para falarvos de que o ano 1937 eran tempos nos que as xentes en Bueu andaban ás ordes da sirena da fábrica que a modo de chifre organizaba a vida de mulleres e homes das parroquias de Bueu. Tamén foron tempos difíciles e lutuosos para moitas familias. Todo ou case todo dependía dun fío, dun salvoconduto, dun permiso... polo que para avisarse nas parroquias recorríase ás campás. Se había unha morte, igual que agora, tocábase a defunto ou a gloria, segundo a idade deste; a ‘arrebato’ se era para avisar dunha desgraza, catástrofe ou perigo... Pero ao cura de Beluso, José Mª Blanco Clemente, ocorréuselle algo mellor que tocar a campá: Botar foguetes!
Peregrinación a Santiago da parroquia de Beluso
Así temos constancia que para facelo solicitou autorización ao Comandante Militar de Bueu[1], máxima autoridade neses momentos. Este concedeulle o permiso e comunicoullo ao Alcalde-Delegado Civil de Bueu nos seguintes termos:
Teño o gusto de comunicar a V. que autoricei ao Sr. Cura Párroco de Beluso para que na madrugada do día 7 do actual poida facer uso de dous ou tres foguetes (foguetes, non bombas) coa fin de avisar aos nenos de aquela parroquia que asistiran á peregrinación, a Santiago de Compostela, que teñen organizada; e outros dous ou tres foguetes ao seu regreso na tarde ou noite do mesmo día, ao obxecto de que os respectivos pais pasen a recollelos. Deus garde a V. moitos anos.

Bueu 5 de xullo de 1.937.

O Comandante Militar
Asdo. Gonzalo Torrente


[1] Gonzalo Torrente

Ningún comentario: