A parte do fomentadores,
conserveiros, ... un elemento de ese motor económico-social era a figura do
patrón (das embarcacións de pesca) e por enriba deste o armador (moitas veces
patrón-armador).
Ser armador era ser dono
dos elementos esenciais da pesca: redes e embarcacións. Polo que case todos os
que tiñan salgas (Rosa Mª Avalle, os Galup, os Solabarrieta, etc.) ou fábricas
de conserva (Massó, Tapias, Prieto, etc.) tamén posuían embarcacións menores
para a pesca e, para beneficiarse da comercialización, embarcacións de máis
alto porte coma galeóns, bergantíns, goletas, etc. (familia Plá-Avalle, Familia
Galup, Massó, etc.)
O menos frecuente nestes últimos séculos era que
persoas alleas ao mar se implicasen neste como elementos de dominio e donos dos
medios produtivos. E moito máis raro era que o fixeran curas párrocos, persoas
que socialmente considéranse alleas ‘ás ataduras terreais’[1] e que están ao cargo dunha
comunidade de crentes ou parroquia.
Pois ben, se isto último
é excepcional noutros lugares da nosa costa, en Bueu deuse non una, nin dúas ou
tres, senón, polo menos que eu saiba, ata catro veces ao longo dos últimos
séculos.
1º Tal como recolle
Marinelli, Moreira e Rodal na súa «Historia
de Cangas»: “O reparto dunha sacada[2] no que o socio capitalista
era o abade de Bueu en 1633 era así: a captura divídese en 14 quiñóns, e recibe
o abade polo barco 2 quiñóns, 1/2 pola dorna que auxiliaba nas faenas da pesca,
6 quiñóns máis polos aparellos, redes, cordas etc., En concepto de décimo dan á
Igrexa 1,25 quiñón...”[3]
2º Na época que o párroco
de Bueu, Fernando de la Rúa, percibe como foro certas cantidades de saín, polas
súas casas do Berbés de Vigo[4] o abade de Beluso, Benito
de Mondragón, merca a metade dun barco en 1686, no que Muros aparece como porto
base[5].
3º No ano 1878 con motivo
dun acto de conciliación pola venda da goleta-bergantín “Joven Casimiro” que
fora da familia Galup e outros
propietarios aparece entre estes la figura de Benito Díaz, párroco de Beluso
(era socio da viúva de Jerónimo Galup).
4º D. Andrés Vázquez
Caneda cura de Beluso, de 1963 ata a súa xubilación en 1993. Era armador en
asociación con unha coñecida familia de Beluso nun barco construído en 1974 de
nome «Monte Fariño»[6].
Quixera rematar esta
anomalía estatística de curas-armadores nun mesmo concello co dato de que outro
cura de Bueu, o coadxutor Antonio Lojo, que era fillo dun patrón-armador do
Porto do Son, José Lojo, que faleceu, con tres mariñeiros e un neno, no
naufraxio que se produciu a causa dun temporal o 17 de abril de 1930.
[1] Sen ter
en conta, entre outros, os décimos que houbo en tempos no mundo do mar.
[2] “Sacadas”
… é unha das modalidades máis coñecidas do “cerco”. As “Sacadas” pequenas eran
a “rapeta” e a “traiña”
[3]
Vázquez
Marinelli, C., Moreira Pumar, J., Rodal González, M.: «Historia de Cangas»,
Pontevedra, 2007, p.172
[4] Escribán
Matías Avalle y Castro, AHP, Sección Protocolos
Ca-1649 bis. Ano 1682, f.
12 e ss
[5] Escribán
Bernardo de Barros, AHP, Sección Protocolos
Ca-3247 (2). Ano 1688, f.
56
[6] Arrastreiro de 37 m e una manga de 8 m.
Cun tonelaxe bruto de 248 t.
Ningún comentario:
Publicar un comentario