01/07/20

Bueu: As oblatas nas parroquias

Un feito puntual relacionado coa investigación da salga ponme en contacto cun nome que ata hai
pouco descoñecía: Francisco González Garay, alcalde de Marín no 1869 e de 1883-1885. E resulta que me decato de que era o avó materno de miña avoa materna. Ata aquí case todo quedaría no anecdotario persoal de non ser que xa pasado máis dun ano decido ver se atopo algo dese tataravó e o primeiro que vexo é un Bando promulgado por el prohibindo, entre outros, o pago de ofrendas e oblatas aos curas. E era o ano de 1869! Sorprendeume que desde un concello se lexislase, e con tanta claridade, nese sentido.
Acendéronseme as luces e lembreime dunha noticia de Bueu sobre o mesmo tema que tiña agochado por algún lado e que ía pór nunha Entrada cando marcharon as monxas de Santa Clara, grandes receptoras de ovos por parte fregueses das comarcas da contorna pontevedresa, pero que nunca chegou a ver a luz neste blog e que aproveito agora para transcribir: “Onde está a conciencia dos que a claman? – Aínda que non somos partidarios de meternos onde non nos chaman, non podemos tolerar feitos que están pasando e que seguirán ocorrendo, se non se trata de obstaculizar certos abusos cometidos en varias parroquias, onde a ignorancia duns e o absurdo temor doutros, son os principais factores que se aproveitan para obter pingües beneficios.
Na parroquia de Cela -citamos esta porque en Bueu e Beluso xa vai derrocada a abusiva costume- seguen o bochornoso hábito de levar ao párroco unha ducia de ovos por matrimonio e media ducia aos viúvos.
Este tributo é imprescindible para quedar anotado no libro como “bo católico” e para logo, se necesitan apadriñar algunha criatura, non ser rexeitados por “herexes”, ou en caso de morte, ser sepultados no cemiterio católico.
Vemos familias que, a pesar de carecer de medios económicos para levar o indispensable pan os seus fillos, acoden -senón os teñen llos piden aos veciños- coa súa ducia. E, por se foran poucos os gravames doutras ordes que soportamos!...
Saben que hai tantas necesidades e miserias, e sen embargo reciben as esmolas dos desgraciados.
E agora un pequeno cálculo. Supoñamos que na citada parroquia hai 500 matrimonios. (Hai moitos máis -non contamos viúvos-; pero que sexan eses os que “contribúen”). Cincocentas ducias de ovos a dúas pesetas, como actualmente se cotizan, (se non levan estes abónase o importe en metálico), fan mil pesetas. E pensar que hai tantas calamidades a que atender sen que ninguén se interese por elas!
Por que razón ten que cobrar un señor sen traballo algún, mil e pico de pesetas, habendo tantas familias morréndose  de miseria e de quen nin uns nin outros se preocupan para vergoña de todos? Por que non damos ao veciño máis necesitado o que regalamos a xente que lle fai menos falta? Onde está a conciencia e amor ao próximo?
Pensen os labregos. Poñan a vista nos fogares de seus irmáns os desherdados e logo obren segundo lles diten seus sentimentos. Non lles pido máis.” 
El pueblo gallego 22-2-1930 páxina 8
 Certo! Este dato é do 1930 pero ese “costume” durou en algunhas parroquias do Morrazo ata non hai tantos anos.
Hai quen di, e con razón, que é un acto “voluntario”. E se non cumpres con esa “voluntariedade”?. Ao respecto algo está dito no artigo transcrito. Pero todo dependía da actitude de cada párroco. Ata podía dirimirse xudicialmente. Así se fixo nas dúas sentencias que teño a man, das que porei unha nota dos “Considerando”, do “Resultando” e do “Fallo”.
O primeiro exemplo dun xuízo é de Sta. María de Oza (1906) onde o cura denunciou a uns fregueses por non pagar reiteradamente os ferrados de trigo e millos, ovos,... da oblata. O xuíz entre moitas alusións xustifica a obrigatoriedade en base a unha morea de disposición leagais, concilios, etc. e como resultado condenados a pagar...


Outro sería o xuízo contra o cura demandado polos seus fregueses, por obrigalos ao pago das ofrendas e que se celebrou en A Coruña (1915) e cun resultado semellante ao anterior.



Alguén podería pensar que era “voluntario”... cando se pagaba, pero “obrigatorio” cando non se satisfacía.

Nota: Si se queren ler as sentencias completas, pois dan unha idea clara dos argumentos das partes e da autoridade xudicial,  premer nos seguintes enlaces: Sta. María de Oza (1906) no Boletín Oficial do Arcebispado ou o de A Coruña (1915) no xornal El Correo de Galicia do 7-8-1915 páx. 1-2

Ningún comentario: