01/09/20

Bueu reina nas festas da Peregrina

 Este ano sen festas polo COVID-19 danos tempo a retomar a mirada ao pasado e fixarnos no anecdotario...

Se nos remontamos aos primeiros días do mes de xuño de 1967, atopariámonos coa comisión de festas da Peregrina de Pontevedra, presidida por Antonio Hereder Solla, traballando sen descanso ao fin de ultimar o programa de festexos dese ano.

Entre as actividades  a incluír no programa estaban os xogos florais e, na “Exaltación da muller galega”,  a elección da Raíña das Rías Baixas que, tal como se acordara o ano precedente, sería designado anualmente polos concellos das Rías Baixas, seguindo orde alfabética. E no 1967, tocáralle a Bueu.

Para cumprir o requisito a comisión dirixiuse ao concello de Bueu para que designase a raíña e ás seis señoritas que integrarían a súa corte de honra, e que os representaría nestas festas.

A elección sería en plenas festas da Peregrina (o 19-08-1967) para poder participar nese mesmo día na Batalla de Flores,  subidas na carroza da Comisión de Festas.

Percorreron as rúas 11 carrozas (4 de Vigo e 7 de Pontevedra) e a participación foi tan numerosa que  algúns xornais da época a cuantificaron en 25.000 persoas atraídos polas carrozas e polos desfiles de coches que con elas ían. As categorías eran varias: coches antigos, coches con motivos humorísticos e coches descapotables con parella, que se repartían cuantiosos premios en diñeiro, ata 1000 pesetas por categoría, e en obxectos de prata.

Curiosamente coñecemos moitos nomes que fixeron posible estes actos, así como músicos  e agrupacións que participaron nos mesmos: Banda de Música  ‘La Artística’ de Arcade, Real coral ‘Toxos e Froles’ de Ferrol, Danza das espadas de Redondela, Os de Marín,... e, curiosamente, do que é relevante para este blog de Bueu, o nome da Raíña e das compañeiras, non temos noticias ...

Pero as redes seguen pescando no mar e cando o saiba, vós tamén o saberedes.

Ningún comentario: