11/03/23

Bueu: Capador asasinado

Na entrada anterior sobre os ‘Capadores en Ons’ mencionei o asasinato dun capador e, como hai amigos que me están a preguntar pola noticia, fago un relato do que sae nos medios de comunicación que se fixeron eco deste lutuoso feito ocorrido en Bueu no mes de abril de 1903.

Taberna-salga Pescadoira
Un venres, 17 de abril de 1903, coincidiron na mesma taberna, e xa é casualidade, tres capadores ou castradores que viñeran a ofrecer os seus servizos polas aldeas de Bueu. A taberna, na baixada a Pescadoira, era a de Francisco Rúa Pazó, avó materno dos que foran donos de “A Víuda”, Rosa e Luís Rúa.  


Un dos castradores, era un veciño Moaña chamado Antonio Andrade, de 58 anos de idade, casado, cunha filla, persoa de complexión forte e coñecido na zona por ter vido outras veces por Bueu. Os outros dous viñan á compañía, e eran de fóra da zona, ninguén os coñecía.

Ao advertir uns e outros a competencia para conseguir traballo ese día, foron elevando o ton da discusión que rematou coa invitación do taberneiro a abandonar o local; cousa que fixeron cada un polo seu sitio.

Lugar onde morreu o castrador
A casualidade fixo que sobre as dúas da tarde se atopasen na estrada que do Ramal dos Galos vai ata igrexa parroquial de S. Martiño, á altura do cruceiro que mandara facer o xastre das Meáns, Juan García Carballo[1].

Sen mediar discusión algunha (xa se dirían de todo pola mañá!) sacaron os seus revólveres e escoitouse un só disparo. Bala que penetrou no peito do capador Antonio Andrade que, caendo esborrallado, morreu case no acto. Os outros dous asustáronse e tiraron a pistola ao chan (con 5 balas)  e, con disimulo, sen precipitarse moito marcharon.

Pronto desapareceron da escena deixando estupefactos a uns veciños que estaban a traballar as veigas próximas.

A garda civil fíxose cargo da investigación sen dar co paradoiro dos dous capadores fuxidos. Apareceu a xustiza para Instruír e levantar Acta do ocorrido como o xuíz de 1ª Instancia, Prudencio Landín na compaña de Ortega Villar, Tenente Fisca da Audiencia así como o actuario (secretario xudicial) Sr. Buceta. A autopsia a fixeron os tres médicos de Bueu: López Castro, Pérez Lapido e Massó.

Pasados quince meses volve a aparecer a noticia na prensa xa que os dous capadores, naturais de Forcarei, coñecidos por ‘Os Picheles’ facía uns días que se presentaran no Xulgado de 1ª Instancia dicindo “Sabemos que nos buscan por unha morte de Bueu e aquí estamos”. De aí ingresaron no cárcere.

Ele explicaron que fuxiran a Portugal e logo a América de onde regresaron hai uns meses. E con respecto ao asasinato negaron toda participación no feito dicindo que se matara o mesmo Antonio Andrade ao ser suxeito polo puño para que non disparara sobre os outros dous.

Navalla-estancador utilizada polos castradores

 A competencia entre os capadores/castradores era moita, mais non só cinguíase entre eles, senón entre albeites[2], menciñeiros[3] e de todos estes, cos mesmos veterinarios. Tense dado o caso en lugares gandeiros que, instalado o veterinario, pasado un tempo este tiña que marcharse a outras zonas pola competencia destes “profesionais do común” e a reticencia dos gandeiros ao servizos regulados e máis caros.



[1] Está actualmente no parque de Ramal dos Galos e naquel momento, a pouco máis de 200 metros, na estrada Ramón Bares.

[2] Persoa que cura as enfermidades do gando sen ter o título de veterinario. RAG

[3] Persoa que se dedica a curar a xente ou o gando, sen ser nin médico nin veterinario. RAG

Ningún comentario: