22/11/12

Bueu tiña o único médico que había no Morrazo

Ás 6 da tarde do día 23 de novembro de 1912, fai 100 anos, que morreu en Bueu Manuel Perez Lapido o que fora o único médico de todo O Morrazo “…así tanto visitaba un enfermo de Aldán, Hío ou Coiro como ía a Ardán ou Cela, non tendo un momento de repouso…”.
A súa familia era da Comarca de Santiago de Compostela, do concello de Ames. Chegou a Bueu da man do seu irmán, Andrés Pérez Lapido,  que estaba de cura párroco de San Martiño de Bueu dende 1824 (ata 1846).
Casou con Carmen Agulla Solabarrieta, filla dos salgadeiros Miguel Agulla Juncal e Josefa Solabarriesta Travieso, que tiñan residencia en Marín e Bueu. Os restos dunha da súas salgadeiras foron destruídos hai uns meses para construír un edificio (fronte a onde estaba a Capela Vella).
Chegou á idade moi avanzada, 86 anos, e ainda había poucos que deixara de ser o titular médico da praza. Segundo o xornal El Adelanto, agora de retirado víase “sempre de paseo, ergueito coma unha árbore robusta, desafiando ao tempo cunha saude a toda proba”.
Se longa foi a súa carreira coma médico tamén o foi a súa dedicación á política, sendo longo tempo xefe político da localidade, arbitro en todas as cuestións relevantes, gran amigo de Montero Ríos, era moi coñecido e respectado en todo o distrito.
No seu pasamento levaban as cintas que pendían do féretro os señores D. Juan Tapias, D. Salvador Massó, D. Luis Prieto e D. Miguel Nogueira.

Outra notas de Manuel Pérez lapido:
-         1855… Aparece tomando parte na lista de electores encargada da elección dun diputado ás Cortes Constituíntes.
-         1870 e 1872… Poder de Manuel Perez Lapido a súa muller, Carmen Agulla Solabarrieta, para que aclare, coa súa nai e irmáns, a liquidación da herdanza pola morte do seu pai.
-         1874…José Agulla merca a Juan Franco Fraguas unha veiga na “Lagoa dos Lombeiros” para o seu cuñado Manuel Pérez Lapido.
-         1875… Venda de Pérez Lapido a Salvador Massó dunha finca na “Lagoa dos Lombeiros”.
-         1880… Venda de Salvador Massó a Pérez Lapido dunha finca na “Lagoa de Lombeiros”, lugar da Praia” por 2000 reais
-         1890… Nos baixos da súa casa había unha farmacia (a da dereita do actual Museo Massó).
-         1891… A partires deste ano participaba nas tertulias que había na rebotica da farmacia que Luís Prieto Mesía tiña ca rúa do Príncipe.
-         1903… Toma posesión coma “Médico municipal” de Bueu
-         1904… Con outras persoas relevantes, visitan a Montero Ríos para xestionar a estrada a Cangas por Aldán. Nese mesmo ano pagou a Función do Perpetuo Socorro onde houbo tamén procesión.
-    1912.... O 23 de novembro falece en Bueu

Ningún comentario: