24/02/13

Unha fibela de ouro do século V en Bueu

Que nos primeiros séculos da era cristiá a actividade industrial, sobre todo romana, era relevante na parte norte da praia de Bueu está cada vez máis evidenciada polos miles de grandes e pequenos achados nas puntuais “actuación de urxencia"[1] ordenadas por quenes tiñan que velar polo noso patrimonio. Pero isto será a letra doutra canción…
Foto: Fibela de Bueu. Museo Pontevedra
O que quero poñer en valor para que coñezades e esteades orgullosos do voso é que en Bueu tense atopado unha das poucas fibelas[2] de ouro previsigóticas.  Ou como dicía no Anuario de prehistoria madrileña de 1933-35 o profesor Hans Zeiss da Universidade de Munich  ao recoller coma relevante o “tipo característico das sepulturas dos primeiros invasores (“previsigodos”) da península os achados de pequenas fibelas de ouro coma as de Beja (Portugal),  de Bueu (Pontevedra), Instituto de Valencia de Don Juan e outras de localidades descoñecidas. A excepcionalidade das fibelas de ouro atopadas, cinco, falan da súa importancia.[3] (…) Nos enterramentos visigóticos da peninsula era costume poñer aos mortos útiles da vida diaria: vestidos, fíbulas, coitelos...  

 Outras referencias  da fibela de ouro atopada en Bueu:
Os datos do achado son moi parcos, pouco precisos e con erros, non todo imputábel á Sociedad Arqueológica de Pontevedra e si aos métodos utilizados nesa época. Filgueira Valverde/García Alén na “Carta Aqueológica” (1953:páx.195) din "Al construirse la fábrica de conservas de Barreras[4], se encontró una pequeña hebilla de oro, sin decoración. Con ella se hallaron tégulas romanas y apareció una construcción de "perpiaño" (sic), con nichos[5]. Se conserva en nuestro Museo [de Pontevedra] la hebilla, Cat. Núm. 2890".

En referencias posteriores como as de Álvaro Rodríguez Resino ou Pérez Rodríguez Aragón datan a fibela como do primeiro tercio do século V.  A parte de describila como “unha fibela aúrea de aro circular e agulla cónica, adelgazada e curvada no extremo, sobre o borde do aro. O seu diámetro é 2,7 cm. (…) A peza de Bueu pode asociarse coa presencia de vándalos ou alanos[6]”. Pero dado que a parte occidental da Gallaecia estivo ocupada polos suevos “a fibela circular de ouro con agulla habría que atribuila, por localización xeográfica” aos suevos”.


[1] “Mirame, colle o que poidas e deixame tranquilo”
[2] Broche antigo que se usaba para suxeitar as prendas de vestir.
[3] Pola súa importancia esta fibela foi cedida polo Museo de Pontevedra á exposición “Hispania Gothorum. San Ildefonso y el reino visigodo de Toledo” no Museo de Santa Cruz (Toledo) no 2007.
[4] A familia Barreras non tivo fábrica nesta zona de Bueu. O lugar do achado parece que foi ao construír (1921) Don Salvador Massó Ferrer e Julia Bolíbar Galup a casa “Silveiras” sita en Montero Ríos para as súas fillas Mercedes, casada con Julio Barreras, e Teresa, casada co arquitecto Jacobo Esténs Romero.
[5] Estas fíbelas case sempre se atopan en “enxovals funerarios”. Non se descarta pola descrición que houbera xunto ao asentamento romano un cemiterio suevo.
[6] Estes pobos xunto cos suevos forman parte dos grupos xermánicos que chegaron a Gallaecia a partires do ano 411. Os únicos que quedaron de forma estable ata o s. VI, logo incorporados ao reino visigótico de Toledo, foron os suevos.

Ningún comentario: