13/06/15

Maruja Mallo fala dos "mártires" de Bueu


O 26 de agosto de 1938 sae no xornal La Vanguardia a cuarta e última entrega do artigo “Relato veraz de la realidad de Galicia” no que a pintora Maruja Mallo[1]unha artista ilustre, unha muller de orixinal sensibilidade, revela así a traxedia da súa patria”.
Entre dos asasinados ou perseguidos polos falanxistas, militares, carlistas,…fala de tres persoas de Bueu nos seguintes termos:

       “Falarei daqueles que coñecín persoalmente, xa que o número de vítimas é incalculable.
        Juan Caballeira, alcalde de Bueu desde o triunfo da Fronte Popular, detido con dezaoito máis, foi conducido á illa de San Simón. Cando foron a buscalo, a Falanxe aseguroulle: "Sabemos que non fixo nada que é vostede un cabaleiro". "Eu non son un cabaleiro, son un home", contestoulles. O delito que cometera foi conseguir que o cesto mínimo da cesta de sardiñas fóra de 15 pesetas, e facer a defensa da cultura e dos traballadores galegos en "El Pueblo Gallego" (diario de Vigo). Na illa de San Simón, cando o cárcere está repleta, atan os corpos dos presos de cinco en cinco e arróxanos ao mar. Alí[2], no lazareto, quitáronlle a vida a Caballeira, gran xornalista, home sen tacha e de valor probado.
        Didio Riobó, propietario da illa de Ons, situada preto das illas de Cíes, perseguido como masón, aforcouse na illa da que era propietario; non puido soportar o derrame de tanto sangue, a veloz desaparición de tantas vítimas. Deixou sete cartas escritas aos verdugos de Bueu.
[...] José da Torre, secretario do Partido Comunista de Bueu; a última vez que o atopamos díxonos: "Eu non fuxirei ás montañas. Eu quero a vitoria ou o cemiterio. O triunfo será noso". Uns días máis tarde era conducido ao Concello de Bueu para encarceralo. Cando foron a buscalo cinco falanxistas armados con cristos e pistolas, gritáronlle: "Covarde, es ti o que onte proclamabas a liberdade?". "Dádeme un fusil e veredes se son valente", contestou. Como se negou a saír de alí porque sabía onde levábano, abalanzouse sobre un dos falanxistas e cos dentes lle desgarrou media cara. Os falanxistas asestáronlle dezasete puñaladas e arroxárono á rúa por un balcón dun Concello. Así lle arrincaron a vida a J. da Torre, carpinteiro, construtor de barcas e bo mariñeiro.”


[1] Teño que confesar que ata o ano 1979 apenas oíra falar de Maruja Mallo. Dela faloume un amigo que atopei en Barcelona cando estaba cunha excursión do colexio de Legazpi. Tamén comentoume uns artigos desta pintora relacionados con xentes da miña zona. E ante a miña curiosidade envioume un mes despois a transcrición dos mesmos. Máis de trinta anos despois aparecían no Faro de Vigo dous magníficos artigos do xornalista bueuense Salvador Rodríguez. Un deles titulado “Maruja Mallo, testigo de cargo” “rescataba” o mesmo texto que anos atrás recibira de Cataluña. Sempre tiven gañas de dalo a coñecer aos meus alumnos. Máis non atopaba ocasión propicia e cando a atopaba sempre había “algo” que podería desfigurar a mensaxe e volvía a quedar no tinteiro. Agora dous meses despois de cando lle puxera data de publicación sae case que tal cal a noticia.
[2] Aínda que é certo que estivo en San Simón, foi fusilado en Pontevedra.

Ningún comentario: