10/03/16

Padroado San Xosé – I / Unha Escola, un médico e unha capelanía eclesiástica para Meiro

Un once de maio de mil oitocentos trinta un bueuense que fixera fortuna na emigración asinaba o Testamento ante o escribán Marcos Leonardo Agrelo da cidade de Bos Aires: 
“Esteban Antonio del Río Estévez natural de Meiro Parroquia de San Martíño de Bueu, Xurisdición de Cangas, Arcebispado de Santiago, Provincia de Galicia no Reino de España, fillo lexítimo dos Finados D. José del Río e Dª Francisca Estévez, e veciño desta Cidade achándome en pé aínda que algo achacoso pola miña avanzada idade, pero nos meus cinco sentidos e potencias cumpridas [...]. Declaro que son de estado solteiro que non posúo herdeiros forzosos ascendentes nin descendentes. Así mesmo  declaro que os meus bens consisten na Casa Quinta a miña Evitación noutra sen casa que está no fronte, outra máis ao Oeste a dúas cuadras de distancia tamén sen Casa. En dúas casas situadas en Pueblo, unha detrás das monxas Catelinas e outra ás inmediacións do parque de Artillería [...]. Declaro ser a miña vontade que os meus dous Escravos José e María queden libres despois do meu falecemento [...] ... dende agora dono ao meu Sobriño José Antonio del Río a casa que teño en Pueblo [...]. É a miña vontade que o meu Testamenteiro Reducindo todo a moeda Metálica estableza e funde con todas as seguridades que esixe a Lei. Eu quero tres Establecementos a perpetuidade no lugar de meu nacemento A Aldea de Meiro sendo o principal unha Escola de primeiras Letras; En segundo un facultativo Médico para asistir de gratis a todos os enfermos pobres da Freguesía e ademais que esixan a súa existencia, e o terceiro unha capelanía Eclesiástica coa pensión de dicir unha Misa rezada todos os días festivos e de misa. A cuxas institucións Meu Testamenteiro  Aplicará os fondos que crea suficientes para encher a cada unha delas as Esixencias da Institución [...] Nomeo polo meu Testamentario en primeiro Lugar a D. José Antª Lagos e en Segundo a D. Manuel Miñán...”

Trinta e cinco anos despois (1865) o concello, sen resultado positivo, reclamou ao través do consulado español en Bos Aires. Polo que anos máis tarde, 10-2-1868, reúnense na Casa Consistorial de Bueu, baixo a presidencia do alcalde D. Manuel González Plá, algúns concelleiros, os “maior número de Contribuíntes” e o cura párroco de Bueu para asinar un poder a favor de Juan Benito del Río Rosales (de Domaio). Este, dende facía dous anos, que falecera D. Esteban Antonio del Río Estévez, estaba a reclamar en Bos Aires a herdanza a favor de Ignacio del Ríos Santos (de Moaña) como herdeiro do testador, Dn Esteban.
O poder outorgado é para que os represente ante os Tribunais da República Arxentina para conseguir “o cumprimento do que este ordenou en xunto á escola, Facultativo e Capelanía”.
Aclárase que o terá que facer sen “esixir dos outorgantes, por razón de gastos nin por concepto algún a menor cantidade”.
   
 

  Serviron para algo as xestións? E se serviron, Que foi da escola, do facultativo, da capelanía ou dos cartos?          
(Continuará)

Fontes: Arquivo Provincial Pontevedra. Sección Protocolos Notariais. Escr. Manuel Francisco Rodal

Arquivo Municipal de Bueu 

Ningún comentario: