Estes días onde a actividade política
está algo ‘movida’ co proceso da investidura ou non á presidencia do goberno
hai algo no que puxeron o punto de mira as noticias da maioría dos medios de
comunicación, principalmente escritos nos primeiros días: o punto do documento pactado por PSOE e
Ciudadanos que recolle a posibilidade de
que se sae adiante a investidura, vólvase a adoptar o fuso horario de Greenwich
(GMT +0) como xa se fixera, por vez primeira, no noso país o 1 de xaneiro de
1901[1]. De
darse o cambio poríanos na hora de Portugal e Canarias, ou sexa, unha hora
menos da que temos agora (GMT +1).
Se isto é bo ou malo depende de que
Comunidade. Galicia sería unha das máis beneficiadas pola súa posición xeográfica con respecto ao meridiano.
Quero poñer en
consideración o paralelismo do que pode pasar nun futuro próximo co que pasou na
España ou no Bueu de 1931:
En España: Tralo Real Decreto do 9-3-1931 do almirante Aznar no
que se anunciaba a implantación da hora de verán, celébranse as eleccións[2]
coa vitoria republicana que provoca, dous días despois, a proclamación da
República. No primeiro Consello de ministros do goberno provisional presidido
por Niceto Alcalá Zamora hai unha serie de Decretos como o de Indultos xeneralizados,
disolución dos Milicias,... e o de Derrogación
do Decreto que dispón o cambio de hora.
Isto foi o punto de saída para que en
moitos concellos de toda España houbera bandos ou proclamas na contra do Cambio
Horario.
En Bueu:
A raíz dos resultados das elección tomou posesión como alcalde da nova
Corporación Municipal, Ramón Domínguez Ferradás e nomeáronse coma vogais Riobó,
Pimentel, Vidal e García. E os primeiros bandos desa Alcaldía son: un relativo
á asistencia médico-farmacéutica aos enfermos pobres e outro facendo saber a anulación do
decreto sobre o adianto da hora.
Dicir que non pasou nada é dicir que:
os trens chegaron, coma sempre chegaban, a deshora[3];
os reloxos do concello marcaba a mesma hora oficial[4] e
o Sr. Alcalde non tivo que ordenar a ningún cura a cambiar o reloxo da igrexa[5]
por carecer estas del.
E mentres non se aclare o panorama
lembrade que na noite do vindeiro sábado ao domingo
(do 26 ao 27) temos que adiantar os reloxos unha hora. Ás dúas da mañá pasan a
ser as tres.
E se chegáramos ao cambio de GTM,
aconsellaría aos “hipocondríacos horario” prevéñanse contra a disritmia circadiana, síndrome dos fusos horarios ou descompensación
horaria (para os máis anglófilos “jet lag”) cunhas cantas doses de “Bicheiro” para mitigar, con humor, os síntomas
(vixilia, fatiga, irritabilidade, etc.) ata a total adaptación do seu reloxo
interno co novo horario.
[1] Real Decreto de 26 de xullo de 1900. Con isto evitábase tamén o de que
distintas provincias tiveran hora diferente.
[2] 12 de abril de 1931.
[3] E non descarrilaron como lle ocorrera a un tren de mercadorías por un
erro do cambio de hora no reloxo da estación de Avila (1926).
[4] O de Bueu non porque aínda non existía. Pero tampouco propoñíanse
cousas como os obreiros de Vigo: “que o
reloxo da poboación volvera a separarse da hora oficial” (1904).
[5] Como tiña que facer o alcalde de Santiago co Cabido da catedral para
que adiantase o reloxo unha hora (1918).
Ningún comentario:
Publicar un comentario